Conservative Party

Conservative Party

Partido conservador do Reino Unido, sucesor do Tory Party trala Reform Bill de 1832. Robert Peel, líder dos tories, reorganizou o vello partido, deulle o novo nome, dotouno dunha organización central e formou o primeiro goberno conservador en 1834. Logo da derrota electoral de 1852, o partido asumiu as teses de Benjamin Disraeli sobre política colonial e o fortalecemento do Imperio Británico, e agrupou a burguesía nacida da Revolución Industrial. En 1874 acadou o triunfo electoral, pero a derrota de 1880 orixinoulle unha nova crise. Salisbury sucedeu en 1881 a Disraeli e, dende 1883, Randolph Churchill reorganizou o partido. A comezos do s XX producíronse novas tensións e en 1911 fusionáronse cos unionistas liberais. Ao estoupar a Segunda Guerra Mundial, o partido, dirixido por Chamberlain, chegou ao poder. Substituíuno Winston Churchill en 1940, quen formou un goberno de coalición cos laboristas e cos liberais. Ao final da guerra, o partido pasou á oposición e dende aquela alternou o poder co Labour Party. En 1972, Edward Heath asinou a adhesión do Reino Unido á Comunidade Europea e asumiu a administración directa do Ulster (1973). A perda das eleccións de 1974 e unha nova crise interna levaron á substitución de Heath por Margaret Thatcher en 1975, primeira ministra tralo triunfo electoral de 1979. Thatcher imprimiulle ao partido e ao goberno unha orientación de dereitas, favoreceu a economía de libre mercado e reduciu as axudas sociais do Estado. Venceu nas eleccións de 1983 e 1987, pero en 1990 viuse obrigada a dimitir; sucedeuna John Major, quen afrontou unha moción de censura en 1991 por mor do malestar xeral da Poll Tax. O partido enfrontouse a unha perda de votos nas eleccións comúns de Inglaterra e Gales (1991), recuperouse nas eleccións xerais de 1992 e volveu descender nas eleccións ao Parlamento europeo de 1994. A derrota electoral de 1997 supuxo o paso do partido á oposición e o nomeamento dun novo líder, William Hague. Os seus novos postulados ideolóxicos son a defensa da identidade de Reino Unido fronte á Unión Europea e a política reducionista dos impostos. Trala derrota electoral do 7 de xuño de 2001, Hague dimitiu do cargo e accedeu á presidencia do partido Michel Portillo.