Constantina
Municipio da provincia de Sevilla, Andalucía, situado na marxe esquerda do río Guadalquivir (7.390 h [1996]). A súa economía baséase na gandería (porcina e lanar), que permite a elaboración de produtos derivados, tanto alimentarios como téxtiles. A agricultura céntrase no cultivo de viña e oliveiras. Posúe xacementos de ferro e prata. No Parque Natural de la Sierra Norte está situada a cova da Sima, de natureza cárstica e de grande interese xeolóxico. Poboada polos iberos, foi reconstruída polos cartaxineses. Trala dominación árabe reconquistouna Fernando III o Santo e en 1478 converteuse en vila de reguengo. Do seu patrimonio arquitectónico destacan a igrexa mudéxar de Santa María de la Encarnación (s XV), as ruínas da ermida múdexar de Nuestra Señora de la Hiedra (s XVI) e o castelo no que sobresae a torre da homenaxe.