Constitución de 1931

Constitución de 1931

Constitución española promulgada pola Segunda República o 9 de decembro de 1931 e vixente en parte do territorio español ata o 1 de abril de 1939, derradeiro día da Guerra Civil española. O 8 de xuño de 1931 celebráronse eleccións a Cortes constituíntes pero con anterioridade, o 6 de maio, o goberno estableceu unha comisión xurídica asesora encargada da redacción dun anteproxecto de constitución que sería presentado polo goberno ás Cortes. Unha subcomisión, presidida por Ángel Ossorio, redactou o anteproxecto que, entre outros aspectos, non definía o modelo de Estado pero recoñecía a posibilidade de constituír autonomías rexionais, establecía o laicismo do Estado pero concedía privilexios á Igrexa católica e permitía o ensino da relixión nos centros escolares. O anteproxecto foi rexeitado polos ministros da ala esquerda e non se presentou ás Cortes. Encargóuselle a redacción doutro proxecto a unha comisión de 21 parlamentarios presidida por Luis Jiménez de Asúa. Presentouse un texto formado por 121 artigos, agrupados en 9 títulos, que se discutiu nas Cortes, primeiro a nivel xeral, e logo artigo por artigo, ata a súa aprobación. Os debates parlamentarios máis intensos referíronse á definición do Estado, á organización nacional e á confesionalidade da nación. Finalmente, aprobouse un texto con 125 artigos e 9 títulos. Segundo o artigo primeiro, España era unha república democrática de traballadores de todo tipo que se organizaba en réxime de liberdade e de xustiza, os poderes de todos os seus órganos emanaban do pobo e a República constituía un estado integral compatible coa autonomía dos municipios e das rexións. Recoñeceu o sufraxio universal, masculino e feminino, e todos os dereitos individuais, aínda que se incluíu a posibilidade da súa suspensión, parcial ou total, mediante un decreto do goberno nos casos de notoria gravidade. O título primeiro referiuse á organización nacional: España estaba integrada por municipios mancomunados en provincias, elixidos democraticamente, e por rexións con autonomía; estableceuse a posibilidade de que varias provincias se organizasen nunha rexión autónoma e presentasen un proxecto de estatuto ás Cortes; este proxecto tiñan que propoñelo a maioría dos concellos da rexión ou aqueles que representasen os dous tercios da poboación. Así, o 28 de xuño de 1936 celebrouse en Galicia o plebiscito que aprobaba o Estatuto de Autonomía que se presentou nas Cortes o 15 de xullo, días antes do comezo da Guerra Civil española, proposta que quedou paralizada. No eido relixioso, o artigo 3 afirmaba que España non tiña relixión oficial e o artigo 26 que o Estado non concedería axudas ás ordes relixiosas e á Igrexa en xeral, que terían estatuto de asociacións, e que se nacionalizarían os seus bens; o artigo 27 afondaba na separación Igrexa-Estado ao recoñecer, entre outros aspectos, a liberdade de conciencia e culto, e a xurisdición civil sobre os cemiterios. O poder lexislativo residía no pobo que a exercía por medio das Cortes ou do Congreso de los Diputados, elixidos por sufraxio universal, igual, directo e secreto. Entre outras funcións, as Cortes elaboraban as leis, controlaban o goberno e aprobaban os orzamentos xerais do Estado. O seu mandato duraba catro anos. O poder executivo recaeu no presidente da República, escollido polos deputados e por un número igual de compromisarios por un período de seis anos, e non podía ser reelixido ata que pasaran outros seis anos. Entre outras funcións nomeaba o presidente do goberno e, a proposta deste, os ministros; promulgaba as leis; tiña veto suspensivo sobre as leis aprobadas polas Cortes sen cáracter urxente; convocaba as Cortes en sesión extraordinaria, suspendía as sesións e disolvía as Cortes; e podía gobernar mediante decretos provisionais cando as Cortes non estivesen actuando. Os seus actos tiñan que ser refrendados por un ministro. Segundo o título VI, a xestión e dirección dos servicios públicos correspondía ao goberno, composto por un presidente ou xefe do goberno e un número variable de ministros. Entre outras funcións, elaboraba proxectos de lei; propuña a reforma da Constitución; garantía o exercicio dos dereitos individuais e colectivos; convocaba eleccións a Cortes e á presidencia da República; aprobaba os orzamentos; e dirixía os asuntos de interese público. O poder xudicial estaba formado por distintos órganos fixados no título VIII, referido á xustiza: estableceuse a exclusividade e autonomía do poder xudicial mediante a derrogación das xurisdicións especiais, agás a militar en tempos de guerra; garantiuse a independencia dos xuíces aos que tamén se lles esixiu responsabilidades civís ou criminais derivadas do exercicio dos seus cargos; e estableceuse o xurado. As amnistías concedíanas as Cortes e os indultos o presidente da República. Instituíuse como cumio do poder xudicial o Tribunal Supremo; o seu presidente elixíao o presidente da República por un período de dez anos. O Tribunal de Garantías Constitucionais instituíuse para garantir a constitucionalidade das leis, resolver conflitos entre o Estado e as rexións autónomas, e entre estas entre si, e xulgar no eido criminal o Presidente da República, o goberno e os membros do Tribunal Supremo. O seu presidente elixíano as Cortes e estaba formado por dous membros do Congreso de los Diputados, o presidente do Tribunal de Cuentas, o presidente do Consejo de Estado, un representante de cada rexión, dous membros dos colexios de avogados e outros catro pertencentes ás facultades de dereito. Estableceuse tamén o mecanismo de reforma da Constitución: podía ser revisada polo goberno ou pola cuarta parte dos deputados; para que prosperase era necesario o apoio dos dous tercios do Congreso durante os primeiros catro anos de vida da norma e despois deste período debía ser ratificado pola maioría absoluta; disoltas as Cortes, convocábanse unhas novas que podían levar a cabo a reforma.