Constitución de 1978
Constitución española aprobada por referendo o 6 de decembro de 1978 e sancionada polo Rei Xoán Carlos I o 27 de decembro de 1978. Asinaron tamén o texto os presidentes do goberno, Adolfo Suárez Miranda, o das Cortes, Antonio Hernández Gil, o do Congreso de los Diputados, Fernando Álvarez de Miranda, e o do Senado, Antonio Fontán. Entrou en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, o 29 de decembro de 1978. En 1977, tralas primeiras eleccións xerais despois do franquismo, o Congreso de los Diputados nomeou unha comisión de Asuntos Constitucionales y Libertades Públicas, que redactou o relatorio do proxecto de constitución. Formaron a comisión sete representantes das forzas políticas presentes no Parlamento: Gabriel Cisneros Laborda, Miguel Herrero Rodríguez de Miñón e José Pedro Pérez Llorca pola Unión de Centro Democrático (UCD); Gregorio Peces Barba polo Partido Socialista Obrero Español (PSOE); Manuel Fraga Iribarne, por Alianza Popular (AP); Miquel Roca i Junyent por Minoria Catalana; e Jordi Solé i Tura polo Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC). Despois dos trámites parlamentarios pertinentes, o 31 de outubro de 1978, o pleno do Congreso de los Diputados aprobou o ditame da comisión mixta Congreso-Senado, mediante votación nominal e pública, por 316 votos a favor, 6 en contra e 3 abstencións. O Senado aprobouna ese mesmo día e polo mesmo sistema de votación por 226 votos a favor, 5 en contra e 8 abstencións. O rei convocou a referendo o texto do proxecto. Celebrado o 6 de decembro, a Constitución foi referendada ao obter o 87,87% de votos afirmativos, o 7,83% de negativos, o 3,55% de votos en branco e o 0,75% de nulos. Nacida do consenso entre as forzas políticas da transición, consta dun preámbulo, 11 títulos, 169 artigos, 4 disposicións adicionais, 9 disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e outra final. Os aspectos definitorios do Estado aparecen recollidos no título preliminar; entre eles, destacan a afirmación da constitución de España como Estado social e democrático de dereito; a declaración de que a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado; o establecemento da monarquía parlamentaria como forma política do Estado; a Constitución fundamentada na indisoluble unidad da nación española, que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e das rexións, e a solidaridade entre elas; e recolle a pluralidade lingüística de España ao afirmar que o castelán é a lingua oficial do Estado e que tamén son oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas as demais linguas españolas, entre elas o galego. A declaración de dereitos e liberdades, así como dos deberes dos españois, está recollida no título primeiro, onde se afirma que a dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais, son o fundamento da orde política e da paz social. É unha declaración ampla que recolle os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, os dereitos e deberes dos cidadáns, os principios rectores da política social e económica, ou dereitos económicos e sociais, e as garantías das liberdades e dos dereitos fundamentais, para o que se creaba a figura do Defensor del Pueblo como alto comisionado das Cortes Generales para a defensa dos dereitos recoñecidos na Constitución. Por último, fai referencia aos casos de suspensión dos dereitos trala declaración do estado de excepción ou de sitio. A forma política do Estado é a monarquía parlamentaria e o título segundo dedícase á coroa. Establece a monarquía hereditaria nos sucesores do Rei Xoán Carlos I e recolle os procesos de sucesión e, no seu caso, de rexencia. Son funcións do monarca, entre outras: sancionar e promulgar as leis; convocar e disolver as Cortes Generales, e convocar eleccións nos termos previstos na Constitución; convocar a referendo nos casos previstos na Constitución; propor o candidato a presidente do goberno, nomealo e pór fin ás súas funcións nos termos previstos na Constitución; nomear e separar os membros do goberno a proposta do presidente; expedir os decretos do consello de ministros; e exercer o mando supremo das forzas armadas. Os actos do rei son referendados polo presidente do goberno e, no seu caso, polos ministros competentes. O título terceiro refírese ás Cortes Generales: estableceuse un sistema bicameral formado polo Congreso de los Diputados e polo Senado; as cámaras exercen a potestade lexislativa, aproban os orzamentos do Estado, controlan a acción do goberno e teñen as competencias que lles atribúe a Constitución; o seu mandato é de 4 anos. O Congreso de los Diputados componse dun mínimo de 300 e dun máximo de 400 deputados elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto; a circunscrición electoral é a provincia; a lei establece o número mínimo de deputados por provincia mentres que os restantes distribuiranse segundo un criterio proporcional á poboación, agás Ceuta e Melilla que terán un deputado; son electores e elixibles os españois en pleno uso dos seus dereitos políticos. O Senado é a cámara de representación territorial; a cada provincia correspóndenlle catro senadores elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, agás aos cabidos insulares, aos que corresponde 3 ou 1 senador, segundo o caso, e Ceuta e Melilla que teñen dous senadores cada unha; ademais, as comunidades autónomas designan un senador e outro cada millón de habitantes. O título terceiro refírese tamén á elaboración das leis e aos tratados internacionais. A dirección da política interior e exterior, a administración civil e a defensa do Estado correspóndenlle ao goberno (título cuarto e quinto), que exerce tamén a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo coa Constitución e as leis. Como órgano consultivo do goberno establécese o Consejo de Estado. O poder xudicial disponse no título sexto: a xustiza emana do pobo e adminístrase en nome do rei polos xuíces e maxistrados integrantes do poder xudicial, que son independentes, inamovibles, responsables e sometidos só á lei. Créase o Tribunal Supremo como órgano xurisdicional superior en todas as ordes, agás no disposto en materia de garantías constitucionais. O título sétimo refírese á economía e facenda, e establece que toda a riqueza do país nas súas distintas formas, e sexa cal sexa a súa titularidade, se subordina ao interese xeral; recoñece a iniciativa pública na actividade económica; e crea o Tribunal de Cuentas como órgano fiscalizador das contas e da xestión económica. Á organización territorial do Estado correspóndelle o título oito: o Estado organízase territorialmente en municipios, provincias e nas comunidades autónomas que se constitúan, e todas estas entidades gozan de autonomía para a xestión dos seus intereses. Establece que no exercicio do dereito á autonomía, recoñecido no artigo 2, as provincias límitrofes con características históricas, culturais e económicas comúns, os territorios insulares e as provincias con entidade histórica poderán acceder ao seu autogoberno e constituírse en comunidades autónomas segundo os mecanismos establecidos pola propia Constitución e polos seus respectivos estatutos. Deste xeito, creáronse 17 comunidades autónomas entre 1980 e 1982, entre as que está Galicia, ás que se engadiron en 1995 as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. O título noveno establece a creación do Tribunal Constitucional, competente en todo o territorio español para coñecer, entre outros aspectos, a inconstitucionalidade das leis e os conflitos de competencia entre Estado e comunidades autónomas, ou destas entre si. A Constitución establece tamén os mecanismos da súa reforma no título noveno: os proxectos de reforma deberán ser aprobados por unha maioría dos tres quintos de cada unha das cámaras e, se non existe o acordo entre elas, intentarase obtelo mediante a creación dunha comisión de composición paritaria de deputados e senadores que presentarán un texto para ser votado en ambas as cámaras; de non obterse o anterior, e se o texto tivo o voto favorable da maioría absoluta do Senado, o Congreso pode aprobar a reforma pola maioría de dous tercios; o derradeiro paso será sometela a referendo cando o soliciten a décima parte dos membros de calquera das cámaras. As disposicións adicionais refírense aos dereitos históricos dos territorios forais e ao réxime económico e fiscal de Catalunya; as transitorias aluden á iniciativa de elaboración dos estatutos de autonomía, a Navarra, a Ceuta e Melilla, á disolución dos organismos provisionais autonómicos, ás cámaras e ao goberno trala aprobación da Constitución e a primeira renovación do Tribunal Constitucional; a disposición derrogatoria trata da abolición das Leis Fundamentais, do Real Decreto do 25 de outubro de 1839 e da lei do 21 de xullo de 1876, no que afectasen ás provincias de Araba, Guipuzkoa e Bizkaia; e na disposición final establécese a entrada en vigor do texto constitucional.