Consumos, Motín dos
Movemento de orixe popular producido pola subida das recargas que aplicaba o concello da Coruña a todos os produtos básicos que se consumían na cidade a diario, dende xuño de 1886, e que cobraba unha empresa arrendataria. O descontento popular fronte a esta medida comezou a manifestarse dende primeiros de xullo, fundamentalmente por parte das mulleres das aforas da Coruña que abastecían diariamente os mercados da cidade. No mes de agosto produciuse o peche das touciñeiras e coas ameazas das vendedoras de froitas e legumes, acompañadas polas leiteiras e as vendedoras que viñan todos os días da periferia, orixinouse un motín na cidade. Para someter a poboación proclamouse o estado de guerra en toda a provincia, despois de que a poboación urbana asaltase a oficina central da compañía. Inmediatamente, o concello decidiu reducir a recarga imposta aos produtos e, despois dunha semana, a cidade volveu á calma.