contactor
(
Interruptor que se pecha pola forza dun electroimán. Componse esencialmente dun electroimán cunha parte móbil que leva ou controla un xogo de contactos eléctricos. Cando pasa corrente pola bobina do electroimán créase un campo magnético na armadura que atrae unha peza móbil de xeito que, ao moverse, pecha os contactos eléctricos. Ao interromperse a corrente, os contactos ábrense pola forza duns resortes. Os contactores adoitan ter tres contactos principais (contactores tripolares para liñas ou circuítos trifásicos) e contactos auxiliares. Para pechar ou conectar o contactor, presiónase un botón (pulsador de conexión), normalmente aberto, que fai pasar corrente pola bobina a través doutro pulsador, normalmente pechado; ao deixar de accionar o pulsador, continúa pasando corrente pola bobina a través dun contacto de retención e o contactor permanece pechado. Para abrir ou desconectar púlsase o outro botón que interrompe a corrente da bobina e abre o contactor.