contador -ra

contador -ra

(< lat computatōre)

  1. adx e s

    Aplícase ao que conta ou serve para contar.

    Ex: Compraron unha máquina contadora de moedas.

  2. s

    Persoa que leva a contabilidade dunha empresa.

    Sinónimos: contable.
  3. [METROL]
    1. s m

      Aparello para medir a cantidade dun fluxo ou dunha enerxía que pasa por un lugar determinado, ou tamén para rexistrar o número de acontecementos repetitivos; este rexistro pódese facer de maneira electrónica (utilizando circuítos lóxicos), electromecánica ou mecánica.

    2. contador de auga

      Aparello para medir a cantidade de auga que flúe por un conduto. Emprégase normalmente nas vivendas para determinar o consumo de auga. A corrente de auga que vai pola tubería fai xirar unha roda de paletas; as voltas desta roda, que son proporcionais á cantidade de auga que pasa, transmítense a un mecanismo contador, que dá a indicación en m 3 .

    3. contador de gas

      Aparello para medir o volume dun gas que pasa por un conduto. Actúa contando o número de veces que se enche e se baleira unha cámara de volume coñecido. Úsanse dous sistemas diferentes: o contador con líquido e o de membranas. Este último é o máis empregado nas vivendas, aínda que non ten tanta precisión como o de líquido.

    4. contador de impulsos

      Circuíto ou dispositivo electrónico destinado a contar unha sucesión de impulsos eléctricos. O contador binario está constituído por un conxunto de n básculas biestables conectadas en fervenza e é capaz de contar no sistema binario de 0 a 2 n -1. O contador decimal faino, pola contra, no sistema decimal; está formado por un conxunto de décadas, con dez estados estables. Os contadores poden ser sincrónicos ou asincrónicos segundo o sinal de reloxo sexa común para todas as básculas biestables ou só estea conectado ao primeiro biestable e o resto tome o sinal de saída do biestable anterior. Os decatróns pódense empregar tamén como contadores decimais.

    5. contador eléctrico

      Aparello para medir a enerxía eléctrica que se transmite por un circuíto ou liña eléctrica. Ten un elemento móbil (un disco fixado a un eixe) que xira a unha velocidade proporcional á potencia que naquel momento pasa pola liña onde está conectado; o elemento que xira ten asociado un contavoltas denominado integrador. A enerxía producida, transmitida ou consumida nun certo espazo de tempo T é o produto da potencia (supostamente constante) multiplicado por este tempo T, isto é: A=P·T, onde A é a enerxía, P, a potencia, e T, o tempo; en xeral, a enerxía será a integral da potencia neste tempo. Como a velocidade é proporcional á potencia, o número de voltas xiradas nun certo tempo T será proporcional á enerxía neste tempo T. Deste xeito, saberase a enerxía contando as voltas. O tipo de contador máis utilizado en corrente alterna é o de indución, que consiste nun electroimán conectado á tensión da liña e outro electroimán percorrido pola corrente da liña, que conxuntamente crean uns campos magnéticos variables que fan xirar o disco. Un imán permanente, denominado imán de freo, estabiliza a velocidade nun valor uniforme para cada potencia. O integrador, graduado directamente en kWh, conta as voltas dadas.

  4. [INFORM]
    1. s m

      Mecanismo que se emprega para almacenar un número e facelo incrementar ou reducir de acordo cun sinal de entrada. Normalmente, un contador pode poñerse a cero.

    2. s m

      ariable usada nun programa que adopta valores enteiros e que normalmente serve para incrementar ou reducir un valor inicial en cantidades tamén enteiras (en xeral pequenas e regulares).

    3. s m

      Aplicación que permite coñecer o número de visitas a unha páxina da Internet ou a un sistema informático.

    4. contador módulo N

      Contador que volve a cero despois de que o número almacenado chegou ao seu valor máximo N-1.

  5. [FÍS]
    1. s m

      Tipo de detector utilizado especialmente para a conta de partículas que inciden nel, aínda que ás veces consiste simplemente nunha cámara que leva asociado un dispositivo para contar. Os contadores de ionización miden os impulsos eléctricos producidos nalgún circuíto polo gas ionizado que determinou o paso das partículas, e os contadores de escintileo miden, mediante un fotomultiplicador, os fotóns emitidos por un escintilador excitado polas partículas en cuestión.

    2. contador de &#268;erenkov

      Contador que mide a cantidade de partículas que teñen unha velocidade suficente para emitir luz por radiación de Čerenkov. Os modelos máis perfeccionados pódense empregar como contadores-preparadores que fornecen partículas con velocidades comprendidas dentro dun determinado intervalo.

    3. contador de Geiger-Müller

      Contador que consta, esencialmente, dun cilindro metálico hermeticamente pechado e cheo dun gas raro a unha presión conveniente. Cando unha partícula ionizante entra dentro do contador, ioniza por choque algúns dos átomos do gas e provoca unha descarga entre o eixe e a parede do cilindro. Este impulso eléctrico excita un auricular ou un contador numérico. Os contadores Geiger-Müller empréganse en industria, en medicina, en minería e en investigación científica.

    4. contador de escintileo

      Dispositivo que detecta partículas ao contar as escintilacións que se producen nun escintilador, mediante un fotomultiplicador e un circuíto contador.

  6. [DER]
    1. s m

      Persoa designada por un xuíz ou polas partes interesadas para liquidar unha conta.

    2. contador partidor

      Persoa nomeada polo testador en actos inter vivos ou mortis causa para realizar as operacións de inventario, liquidación, participación e distribución da herdanza do finado.

  7. contador de Coulter [MICROB]

    Aparello deseñado para contar as células dunha suspensión. Baséase no feito de que as células son malas condutoras da electricidade. Dá medidas moi precisas do número total de partículas dun determinado tamaño que están na suspensión.

  8. contador de historias [LIT/ESPECT]

    Persoa que relata acontecementos, feitos ou manifestacións da actividade humana e de calquera outra especie, como fábulas, relatos, historias inventadas ou contos. A figura do contador de historias existe en todas as culturas desde que a humanidade descobre a fala como medio de expresión e comunicación, e ocupa os máis variados roles dentro da sociedade. Xefes de tribos, bruxos, sacerdotes e vendedores ambulantes utilizan esta ancestral arte co obxectivo de exorcizar os medos, xustificar ou entender a orixe das cousas, prepararse para o descoñecido, traspasar coñecementos, iniciarse no camiño da sabedoría ou simplemente comercializar produtos de terras próximas ou afastadas. Os pobos utilizan este sistema de comunicación para conservar a memoria, para que non se perdan as raíces e se coñeza a súa verdadeira historia. Dentro do ámbito familiar, é recoñecible a imaxe dos avós contándolles historias aos netos para que durman, no ámbito rural aparece a imaxe do lume como punto de reunión ao redor do que narran as historias. Tamén se coñece a imaxe do bufón do rei e do xograr nas cortes reais. Pódese falar ata aquí dunha arte popular e espontánea utilizada por distintas persoas con obxectivos variados, pero que teñen en común tres elementos: a persoa que conta, os que escoitan e a historia. Nos anos sesenta esta actividade recuperouse nalgúns países dentro do sistema educativo, e estableceuse “a hora do conto” en escolas e bibliotecas, co fin de aproximar o público infantil á riqueza da palabra e á literatura universal. Varios anos despois, a finais dos oitenta, apareceu a idea dun narrador urbano que se dirixe a un público adulto en espacios públicos cobrando por facelo. Así, esta vella arte espontánea converteuse nun novo oficio. A orixe das historias que se contan é moi variada: a tradición oral popular, a literatura e incluso hai quen inventa as súas propias historias. O narrador especula co coñecido, co próximo, co propio do seu pobo e con aquilo descoñecido que vén doutros sitios. En Galicia pódese falar dun traspaso orgánico, dun cambio de escenario e incluso dunha convivencia do narrador espontáneo e o narrador de oficio. En 1994 comezou timidamente esta actividade no pub Atlántico de Santiago de Compostela. Persoas provenientes doutras artes escénicas aproxímanse a esta vella-nova ocupación co fin de comunicarse co público a través de historias contadas por medio da palabra. Isto tivo moi boa acollida e instalouse un lugar de encontro para escoitar historias que, posteriormente, se estendeu a un circuíto de pubs e bares en distintos puntos de Galicia. É inevitable atopar no repertorio dos narradores galegos historias onde aparezan as meigas, os aparecidos e a Santa Compaña, reflexo dunha cultura ancestral que se desenvolve popularmente ao redor da lareira e que trata de manterse viva ou sobrevivir aos tempos e espacios modernos. En 1997 realizouse en Galicia o I Encontro internacional de contador de historias, no que participaron narradores galegos e doutros países, como Colombia, Portugal e Perú. Desde entón, realízanse diversas actividades dentro da narración oral: obradoiros, programas de radio e televisión nos que participan os narradores e mesmo programas televisivos, como Apaga a luz. Os contadores de historias levan a súa arte e oficio por prazas, bares, salas teatrais, museos, escolas, institutos e bibliotecas a todo tipo de público, e participan en festivais e encontros internacionais. Destaca o traballo desenvolvido, entre outros, por José Campanari, Quico Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira ou Santi Prego.