Contagem

Contagem

Cidade do Estado de Minas Gerais, Brasil, situada na conurbación de Belo Horizonte (492.214 h [1996]). A orixe da poboación remóntase a 1701, data na que se estableceu no lugar un posto fiscal para o reconto (en portugués contagem) do gando procedente da rexión do Rio São Francisco. Ao abeiro da Casa do Registro das Abóboras xurdiu dende 1716 un próspero núcleo (Araial de São Gonçalo da Contagem das Abóboras) no que se concentraron funcionarios, tratantes de gando, propietarios mineiros, traficantes de escravos, relixiosos, taberneiros, prostitutas e vagabundos. Trala independencia de Brasil (1822), establecéronse na cidade dúas compañías inglesas dedicadas á explotación mineira do ouro. Os beneficios da actividade aurífera permitiron o desenvolvemento dos sectores industrial (madeira e cererías) e agrario (café, azucre, mandioca e arroz). En 1911 constituíuse en municipio, condición que perdeu entre 1938 e 1948. A principios do s XX converteuse en vila turística grazas ao seu balneario, que tivo a súa época de esplendor ata 1950. Na década de 1940 comezaron os traballos para a estruturación da Região Metropolitana de Belo Horizonte, que significaron un reforzamento da súa integración nesa área urbana como núcleo industrial e residencial. Do seu patrimonio cultural destacan a Casa do Registro da Contagem das Abóboras, convertida en Casa da Cultura, a igrexa de São Gonçalo, construída en 1969 sobre unha capela do s XVIII, e o parque municipal Gentil Diniz, cun casal do s XIX.