contemplación
(
-
s
f
Acción de contemplar.
-
s
f
Atención con respecto a unha persoa ou a unha cousa por mor da súa importancia. OBS: Normalmente, emprégase en plural.
Ex: Tratouno sen contemplacións desde un principio.
Sinónimos: miramento. Confrontacións: consideración, deferencia, consideración. -
s
f
[RELIX/FILOS]
Estado espiritual que comporta unha experiencia peculiar de sensacións, que ordinariamente quedan fóra do alcance da consciencia, e unha unión inmediata con elas que fai que sigan parecendo como eminentemente reais. As condicións que posibilitan a contemplación son a reflexión, a meditación e un certo esforzo ascético. É unha práctica presente nas grandes relixións dende épocas antigas: no brahmanismo, a ascética física e mental (ioga) e a contemplación mística (bhakti) son dous camiños para acadar a liberación (moksa); no budismo, a contemplación serve para acadar o nirvana; e no taoísmo, o obxecto da contemplación é configurar imaxinativamente as realidades divinas que habitan o propio corpo, que se prepara así para acadar a supervivencia. Na Biblia, a contemplación cara a cara con Deus é o anhelo máis radical do crente, que non pode cumprirse sen que este morra. O achegamento do home a Deus prodúcese, polo tanto, en virtude da iniciativa divina, mediante teofanías e outros signos da gloria de Deus, ou nun plano inferior en soños e visións: todas estas manifestacións recoñécense como un don e non como un froito do esforzo humano, e vívense como o coñecemento da experiencia e do amor (sabedoría) máis que como fenómeno intelectual. No mundo grego, pola contra, a contemplación, en contraposición á acción, presupoñía, sobre todo en Platón, a intuición intelectual e, a miúdo, identificábanse as dúas como froito dunha iluminación superior. A partir de Plotino, sen embargo, asumiu o carácter de éxtase místico que fixo seu a tradición contemplativa cristiá. Esta comportaba orixinariamente, a partir da vinda de Xesús, na que os homes contemplaron a gloria de Deus, a ruptura de toda dualidade entre acción e contemplación e entre historia, entendida como historia da salvación, e encontro con Deus. Ademais, proclamaba o carácter sapiencial da contemplación, en oposición á gnose intelectual. O movemento eremita introduciu o elemento da fuxida do mundo como un elemento consubstancial á contemplación, entendida sempre como un don gratuíto e como a forza transformadora do home. Por outra banda, a ascese beneditina encadrou a contemplación individual dentro da colectiva, gabanza pública de Deus, e remarcou o carácter místico e de repouso interior. San Bernaldo de Claraval e san Francisco de Asís centraron a contemplación nos misterios da vida e da paixón de Cristo, e caracterizárona como a actitude de sinxeleza e amor, liña que tamén desenvolveu a doutrina carmelita. A escola dominicana, pola contra, subliñou o aspecto intelectual do feito contemplativo e insistiu na interrelación das facultades humanas e na necesidade de transmitir aos demais o que se contemplou (contempla aliis tradere). Este aspecto apostólico ampliouno a tradición xesuítica: os puntos importantes do feito contemplativo ignaciano son a busca da vontade de Deus, o discernimento do espírito e a mística da contemplación na acción. A contemplación proposta por san Ignacio de Loiola nos seus Exercicios Espirituais non se basea na meditación teolóxica das ensinanzas de Cristo, senón na reflexión sobre as súas palabras e actos segundo o que fixo e dixo e cómo actuou. Aos poucos acádase, entón, un coñecemento total de Cristo. A contemplación mística prodúcese cando alguén recibiu a graza da contemplación infusa, é dicir, é un don que se recibe para acadar a unión con Deus ou éxtase. Ao longo da historia do cristianismo, as comunidades relixiosas escolleron o camiño da contemplación apostólica ou a do retiro espiritual afastado do mundo e dedicado ao rezo. De xeito contrario, o Islam mantén unha notable reserva respecto á contemplación e para aceptala esixe unha serie de estadios e presupostos previos: pobreza absoluta, negación intelectual e soidade total. Tanto a relixiosidade como o pensamento modernos insisten en relativizar a separación entre acción e contemplación e enténdese a actitude contemplativa como a forma e o momento intrínseco da mesma acción.