Contemporánea
Contemporánea
Publicación que apareceu na Coruña no ano 1995 baixo o subtítulo “Revista da Asociación de Escritores en Lingua Galega”. O consello de redacción está formado por Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos L. Bernárdez, Luisa Villalta e Rafael Villar. O seu primeiro número titulouse “Poesía galega hoxe: dúas xeracións do século”, e nel insírense, á parte dun estudo de Miguel Mato Fondo, unha escolma poética en galego, francés, inglés e castelán de Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Manuel María, Bernardino Graña e Xohana Torres, entre outros.