contemporáneo -a
(
-
adx e s
Aplícase á persoa ou á cousa que é do mesmo tempo ou época ca outra persoa ou cousa.
Ex: Xulio César foi contemporáneo de Cleopatra. Os seus contemporáneos considérano moito.
-
adx e s
Relativo ou pertencente á época actual.
Ex: Ó meu irmán non lle gusta nada a pintura contemporánea.
Sinónimos: actual. -
Idade Contemporánea
Na división cronolóxica da historiografía occidental, período que sucede á Idade Moderna. Esténdese dende a época da Revolución Americana (1763-1783) e da Revolución Francesa (1789) ata a actualidade. Trátase dun concepto que, ademais da historia, se aplica ás diversas manifestacións culturais e sociais, entre outras, á filosofía, arte, economía, socioloxía e política.
-
arte contemporánea
Dende un punto de vista cronolóxico a arte contemporánea esténdese dende finais do s XVIII coa aparición do neoclasicismo, movemento que xurdiu como resposta á exuberancia rococó e que estivo en vigor ata principios do s XIX. No eido da arquitectura destacaron Soufflot, Chambers, R. Adam, K. F. Schinkel, Ventura Rodríguez e Juan de Villanueva. Xunto a eles desenvolveuse a arquitectura utópica de Ledoux e Boullée, que aínda que non foi levada á práctica, foi un referente para a arquitectura dos ss XIX e XX. No eido da escultura sobresaíron A. Canova e B. Thorwaldsen, e na pintura David e Ingres. Coetáneo deles foi Goya, pero a súa pintura non pode encadrarse nun determinado estilo, pois evolucionou dende as formas rococós e neoclásicas ata as impresionistas e expresionistas. A liberdade promulgada polos movementos políticos do s XIX reflectiuse na arte do romanticismo co rexeitamento por parte do artista das normas impostas polas academias. Na arquitectura, o eclecticismo historicista caracterizouse pola recuperación dos estilos antigos, sobre todo do gótico (Pugin, Ruski, Viollet-le-Duc). Na pintura cómpre destacar a Delacroix e Géricault. Os avances tecnolóxicos tamén se manifestaron na arquitectura ao empregarse novos materiais, como o ferro e o cristal (Escola de Chicago), e a aplicación do formigón. Ademais, desenvolveuse un novo urbanismo (o barón Hausmann, Ildefonso Cerdá, Arturo Soria). Na arquitectura, a transición entre o s XIX e o s XX marcouna o modernismo, iniciado por W. Morris, e o movemento Arts and Crafts. Entre outros, destacaron V. Horta, H. van de Velde, C. H. Mackintosh, O. Wagner, J. M. Olbrich, Doménech i Montaner, Gaudí e Puig i Cadafalch. Como reacción ao idealismo romántico xurdiu o realismo (Courbet, Millet, Daumier, Corot, a escola de Barbizon), que se interesou por aspectos da vida cotiá. O derradeiro movemento do s XIX foi o impresionismo, que naceu como resposta á arte oficial que se impoñía dende as academias e as exposicións oficiais (Manet, Monet, Renoir, Pisarro, Degas). A preocupación pola psicoloxía da percepción levou á construción da realidade dende o punto de vista científico, que se concretou no puntillismo ou divisionismo de Seurat. De xeito paralelo, o simbolismo preocupouse pola función e polo obxecto da pintura (Moreu, Puvis de Chavannes, Redon). No eido da escultura destacou Rodin, quen asumiu algúns dos aspectos estudiados polos impresionistas, como a importancia da luz. A finais do s XIX xurdiu a partir do impresionismo unha nova corrente, o postimpresionismo (Van Gogh, Toulousse-Lautrec, Gaugin, Cézanne). O s XX supuxo a ruptura con toda a tradición artística anterior coa aparición das vangardas artísticas. A arte reflectiu os avances tecnolóxicos e científicos e os novos ideais da sociedade. Antes da Segunda Guerra Mundial xurdiron as denominadas vangardas históricas que romperon coa arte tradicional: o fauvismo (Matisse, Derain, Vlaminck); o expresionismo (Ensor, Munch, os grupos Die Brücke e Der Blaue Reiter, Kokoschka); o cubismo (Picasso, Braque, Gris, Léger, Delaunay); o futurismo (Boccioni, Carrá, Severini, Balla); o dadaísmo (Duchamp, Arp, Picabia); o surrealismo (Breton, Ernst, Miró, Dalí); a pintura metafísica (De Chirico); as primeiras experiencias abstractas de Kandinsky e de Klee; o neoplasticismo (Mondrian, T. van Doesburg); e o construtivismo ruso (Malévich, Tatlin). Xunto a eles cómpre destacar a presenza en París dun grupo de artistas que permaneceron alleos a estes movementos, coñecidos como os independentes de París (Chagall, Modigliani). A escultura recolleu tamén as innovacións das vangardas, e incluso, pintores como Picasso e Matisse cultivárona. Relacionados cos paradigmas do cubismo e coa nova concepción espacial destacaron Archipienko, Gargallo, Laurens e Brancusi; U. Boccioni levou os postulados do futurismo ao campo escultórico; e no período de entreguerras destacaron Julio González e Alberto Giacometti. Trala guerra, a arte tivo diversos enfoques e a produción de moitos artistas non se pode encadrar nunha determinada tendencia, pois participan de diferentes estilos e movementos. Nova York substituíu a París como capital da arte e do seu mercado. A segunda abstracción tivo dúas vertentes: a americana ou expresionismo abstracto (Gorky, W. De Kooning, J. Pollock, M. Rothko) e a europea ou informalismo (grupo COBRA, Dau al Set, El Paso). Como reacción ao impresionismo abstracto xurdiu a pop art, inspirada nas imaxes e obxectos da vida cotiá e nas técnicas da publicidade, a fotografía e o cine (Warhol, Oldenburg, Lichtenstein, Wesselmann). A arte figurativa non desapareceu e xunto á neofiguración (Dubuffet, Bacon) desenvolveuse o hiperrealismo. No eido da escultura cultivouse tanto a figuración como a abstracción e mesmo se evolucionou dende unha tendencia a outra (H. Moore). Dende os anos sesenta xurdiron numerosas tendencias nas que se romperon as barreiras que separaban a pintura da escultura, entre outras a body art, a arte de chatarra, a arte cinética, a arte conceptual, o minimalismo, a arte óptica ou op art, a arte pobre e a arte da terra. No eido da arquitectura, o s XX comezou coa integración de industria e arquitectura. Mentres na Rusia revolucionaria se desenvolveu unha arquitectura xeométrica realizada en función dos condicionamentos sociais, no resto de Europa e nos EE UU, ademais da arquitectura expresionista (Poelzig, Mendelsohn), triunfou a xeometrización de Gropius e a Bauhaus e o funcionalismo de Le Corbusier. Esta arquitectura recibiu o nome de estilo internacional. Fronte ao racionalismo e ao funcionalismo, F. Lloyd Wright e Alvar Aalto desenvolveron a arquitectura orgánica. Despois de 1945 na arquitectura posmoderna distínguense, entre outras correntes, o brutalismo (Smithson, Stirling), o neoliberty do grupo Casabella, o neoexpresismo (L. Costa, P. L. Nervi, F. Candela) e o neorracionalismo (A. Jacobsen). A arquitectura posmoderna articúlase ao redor de tres tendencias: o modelo deconstrutivista de, entre outros, P. Eisseman; os modelos relacionados coas altas tecnoloxías de N. Foster ou S. Calatrava; e o rigor compositivo de A. Siza e R. Moneo. Galicia participou en maior ou menor medida das correntes europeas. O neoclasicismo arquitectónico iniciouse coa obra de Domingo Antonio Lois Monteagudo e dos enxeñeiros militares (Lemaur, Sánchez Bort, Cermeño), que contribuíron á renovación das cidades galegas. Plenamente neoclásicos foron M. Ferro Caaveiro, F. Domínguez Romai e M. de Prado Mariño. No eido da escultura destacaron, entre outros, X. Ferreiro, Fabeiro e M. de Prado Mariño. A renovación pictórica comezou a finais do s XVIII con, entre outros, M. Arias Varela, M. Landeiro Bolaño, J. Terán e G. Ferro Requeijo e acadou a madurez con P. Fernández Arosa e A. Díaz Robles y Quiroga. Durante o s XIX a arquitectura galega seguiu as tendencias europeas: o crecemento das cidades provocou a nova urbanización das mesmas; as correntes historicistas estiveron presentes, entre outros, en F. Domínguez Coumes-Gay, A. Rodríguez Sesmero e L. Bellido; os novos materiais, ferro e vidro, acompañaron as tradicionais construcións en granito. As artes plásticas do s XIX estiveron marcadas pola desamortización e pola desaparición da igrexa como cliente e promotor das artes. O romanticismo pitórico estivo representado por X. Cancela del Río, X. Pérez Villamil e D. Fierros. A creación de escolas de artes e oficios foi un dos factores que promoveu a renovación cultural de Galicia a finais do s XIX. Xunto cos temas tradicionais, retrato e paisaxe, cultiváronse as escenas costumistas e novas temáticas como a pintura de historia. Entre outros destacaron S. Avendaño, M. Brocos, X. M. Fenollera, R. Navarro, G. Pardo Reguera e a denominada Xeración Doente formada por O. Murguía, R. Parada Justel, X. Vaamonde e X. Carrero. A escultura seguiu un camiño paralelo ao da pintura, entre outros destacaron I. Brocos, R. Núñez. X. Sanmartín e F. Campo. O modernismo chegou a Galicia no primeiro terzo do s XIX coa obra de R. Boán, X. de la Fuente Domínguez, X. Galán Carvajal, os irmáns Gómez Román, A. López Fernández, R. Ucha e Paczevich. Fronte ao modernismo, produciuse unha arquitectura ecléctica representada por R. González Villar e A. Palacios. Dende os anos vinte os arquitectos galegos comezaron a adoptar as linguaxes vangardistas, entre eles X. M. Banet, F. Castro Represas, P. Estellés, X. de la Fuente Álvarez, S. Rey Pedreira e A. Tenreiro. Trala paréntese da Guerra Civil e dos primeiros anos da posguerra, desenvolveuse unha arquitectura racionalista e organicista representada en Galicia por Bar Boo e Fernández-Albalat e por A. de la Sota e R. Vázquez Molezún en Madrid. As novas xeracións de arquitectos, formados en moitas ocasións en Galicia, asumiron tendencias e teorías arquitectónicas internacionais. Cómpre destacar, entre outros, a M. Gallego Jorreto, C. Portela, R. Baltar Tojo, A. Noguerol, A. Freixedo Alemparte, J. Cano Lasso, I. Seara, P. de Llano e A. Penelas. A arquitectura galega contemporánea enriqueceuse coas construcións de arquitectos foráneos como A. Rossi, A. Siza, A. Isozaki e P. Eisseman. A renovación cultural de finais do s XIX tivo a súa continuidade a comezos do s XX coa celebración das primeiras exposicións de arte galega e coa presencia de artistas galegos nas exposicións nacionais. Desenvolveuse a pintura rexionalista, que recuperou os temas e as paisaxes galegas, representada, entre outros, por F. Álvarez de Sotomayor, Tito Vázquez, Antonio Fernández, González del Blanco, Abelenda, Seijo Rubio e Román Navarro. Relacionada co rexionalismo, pero tamén co modernismo, está a obra de Juan Luis, mentres que Xesús Corredoira se achegou ás propostas simbolistas. No eido da paisaxe destacaron F. Lloréns, F. Bello Piñeiro, I. Corral, V. Blanco e X. Frau, aínda que cada un deles tivo un estilo propio e diferente. No eido da escultura sobresaíron Asorey e Cristino Mallo. Nos primeiros anos do s XX cómpre destacar a presenza de gravadores e artistas gráficos como C. Díaz Baliño, Castro Gil, Prieto Nespereira, F. Ribas e Castelao, escola que se renovou ao longo do s XX. Nos anos trinta xurdiu o denominado movemento renovador da arte galega, ou simplemente os Renovadores, formado por Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Fernández Mazas, Eiroa, Laxeiro e Luís Seoane. O surrealismo adquiriu unha gran relevancia coa obra de Maruja Mallo, Urbano Lugrís e os irmáns Granell. Trala posguerra, a arte galega abriuse á abstracción e ás novas tendencias e a nómina de artistas incrementouse notablemente. Cultivouse a abstracción e a figuración tanto na pintura como na escultura. No eido da pintura cómpre destacar, entre outros, a Lago Rivera, Mampaso, Suárez Molezún, Mª Antonia Dans, M. Torres e Mª Vic22toria de la Fuente, e na escultura a Faílde e A. Baltar. Durante os anos sesenta e setenta consolidáronse as tendencias anteriores, ao tempo que se multiplicaron as salas de exposicións e naceron novos grupos. Entre outros pintores destacaron Mantecón, A. Goyanes, Lodeiro, F. Criado, J. Castillo e A. Costa; e entre os escultores, Buciños, Acisclo Manzano, J. Oliveira, Eiravella e E. Colmeiro. O ano 1980 marcou o desenvolvemento das artes plásticas nas décadas posteriores coa celebración da primeira mostra do colectivo Atlántica. Nesta primeira mostra celebrada en Baiona participaron, entre outros, os pintores A. Datas, X. Freixanes, A. Goyanes, A. Huete, M. Lamas, A. Lamazares, A. Patiño, R. Patiño, M. Ruibal, Vidal Souto, X. Cabanas, X. Correa Corredoira; os escultores, Basallo, Díaz Fuentes, Mon Vasco e S. Rivas; e os arquitectos F. Blanco, A. Freixedo e I. Seara. Cómpre salientar, entre outras, as achegas dos pintores Amando, Din Matamoro, Tono Carbajo, X. Chaves, A. Pulido, B. Cáccamo, D. Basso, I. Pérez Vicente, A. Murado, S. Cidrás, X. Oro Claro e A. Fernández; e dos escultores M. Paz, F. Leiro, X. Toubes, F. Pestana, M. Amigo, J. Barbi, X. Anleo e M. J. Díaz. En conxunto, as diferentes tendencias e movementos que dominan o panorama artístico internacional están presentes na produción artística galega.
-
literatura contemporánea
[LIT]
O s XX iniciouse co desenvolvemento das correntes estéticas que xurdiron nos últimos vinte anos do século anterior (prerrafaelismo, simbolismo, modernismo, decadentismo, saudosismo, etc) que en poucos anos deron paso ás primeiras manifestacións do vangardismo. A poesía finisecular caracterízase pola importancia da musicalidade e do ritmo, reflectido en múltiples innovacións métricas. Entre os seus principais cultivadores destacan en América Latina, entre outros, Rubén Darío, iniciador do modernismo hispánico, Leopoldo Lugones, Amado Nervo ou J. Santos Chocano; en España, Manuel e Antonio Machado e Juan Ramón Jiménez, nos seus primeiros tempos; en Italia, Gabrielle D’Annunzio, representante do decadentismo; e en Portugal, Teixeira de Pascoaes, cultivador do saudosismo. O simbolismo evolucionou cara á poesía pura, que ten como precursor ao alemán Rainer Maria Rilke, e outros autores, como o francés Paul Claudel, o irlandés W. B. Yeats ou o alemán Stefan George cultivaron estéticas de tipo místico. As primeiras vangardas foron o futurismo italiano (Manifesto de Marinetti, 1909) e o futurismo ruso (Manifesto de Majakovski e Jlébnikov, 1912), e vinculados á sensibilidade vangardista, pero nunha liña moi singular, sitúanse o francés Guillaume Apollinaire e o norteamericano Ezra Pound, figuras claves da renovación poética. No eido teatral, o realismo deu paso a novos enfoques cos precedentes dos escandinavos Ibsen e Strindberg, modelos dun teatro de ideas desde posturas inconformistas. No período anterior á Primeira Guerra Mundial destaca o teatro simbolista de Maurice Maeterlink; o teatro expresionista alemán, con figuras como Ernst Toller; as innovacións escénicas do italiano Luigi Pirandello e as achegas do irlandés George Bernard Shaw ou do francés Paul Claudel, entre outros. Na narrativa, durante o primeiro cuarto de século e xunto cos continuadores do realismo e do naturalismo, destaca nos EE UU Henri James; en Inglaterra Rudyard Kipling e Joseph Conrad; en Alemaña, Thomas Mann e Hermann Hesse; en Francia, André Gide; en España, Azorín, Pío Baroja e Valle-Inclán, e sobre todo, tres grandes renovadores da novela contemporánea: Marcel Proust, À la recherche du temps perdu (Na busca do tempo perdido, 1913), James Joyce, Dubliners (Dublineses, 1914) e Franz Kafka, Die verwandlung (A metamorfose, 1913). No período de entreguerras produciuse a eclosión das estéticas de vangarda (expresionismo, cubismo, creacionismo, dadaísmo, surrealismo, ultraísmo) que comparten o desexo de ruptura coa tradición, de forma violenta e provocadora, e a busca de novas formas literarias. A poesía divídese en dúas tendencias fundamentais: as diversas manifestacións da poesía pura (Paul Valéry e T. S. Eliot) e a vangarda, con representantes como Tristan Tzara ou F. Picabia (dadaísmo); Vicente Huidobro e Paul Reverdy (creacionismo); André Bretón, Éluard, Aragon, Mário Cesaryni ou Federico García Lorca (surrealismo). Entre ambas as dúas liñas sitúanse poetas como o portugués Fernando Pessoa, o grego Cavafis, o peruano César Vallejo, o chileno Pablo Neruda ou os italianos Saba, Ungaretti e Montale. No teatro perviven correntes anteriores (en Francia, os simbolistas J. Anouil ou Jean Giraudoux e en Inglaterra T. S. Eliot e J. B. Priestley) con propostas renovadoras organizadas ao redor de dous nomes fundamentais: Bertolt Brecht, impulsor do chamado teatro épico e Antonin Artaud, defensor dunha dramaturxia cerimonial e integradora doutras artes, o teatro total. Na narrativa consolidáronse os avances do primeiro cuarto de século no tocante á perspectiva, á voz, á técnica (estilo directo e indirecto libre, monólogo interior, contrapunto, etc). Entre os principais renovadores sobresaen, en Inglaterra, James Joyce, Virginia Wolf, D. H. Lawrence; nos EE UU, os membros da xeración perdida, John Dos Passos, Scott Fitzgerald, Steinbeck, Hemingway, Faulkner e, noutra liña, Henri Miller; en Alemaña, R. Musil, Broch, Jünger; en Francia, Bernanos, Mauriac, Montherlant, Malraux ou Saint-Exupéry; en España, Ramón Gómez de la Serna, Benjamín Jarnés, Gabriel Miró e Pérez de Ayala. A partir de 1945 predominan tres correntes: a literatura existencial, a literatura comprometida e o experimentalismo. En poesía destaca en Inglaterra W. H. Auden; nos EE UU a xeración beatnick, presidida por Allen Ginsberg; en Francia, Michaux, Prévert, René Char; en Grecia, Seferis, Elytis; en España, Blas de Otero, Luis Cernuda, Gabriel Celaya, Gil de Biedma, José Hierro, J. A. Valente, G. Carnero e Antonio Colinas. No teatro, o drama existencial (en Francia, Sartre e A. Camus) convive co teatro comprometido e inconformista (en Inglaterra, os Young Angry Men, Osborne, Wesker; nos EE UU Arthur Miller ou Edward Albee; en Suíza, Dürrenmatt ou Frisch; en España, Buero Vallejo), co teatro do absurdo (o romanés Ionesco, o irlandés Samuel Beckett, o español Fernando Arrabal) e con propostas experimentais, como as de Peter Brook ou Roger Planchon. A narrativa caracterízase pola diversidade de propostas: en Francia, Sartre e Camus cultivaron a corrente existencial e, posteriormente os autores do nouveau roman ou outros como Marguerite Yourcenar e Michel Tournier experimentaron novos modelos; en Italia, Pavese, Patrolini, Moravia ou Calvino combinaron a preocupación existencial con contidos sociais ao tempo que ensaiaron novas formas expresivas; nos EE UU destacan Truman Capote, Salinger, Jack Kerouac e Norman Mailer; en Alemaña, Gunter Grass ou Patrick Suskind; en Hispanoamérica, Julio Cortázar, Carlos Fuentes, Gabriel García Márquez, Vargas Llosa e Bryce Echenique); en España, Camilo José Cela e Torrente Ballester. A literatura galega contemporánea asimilou as correntes europeas e combinounas con elementos da tradición autóctona. Ata 1916, a poesía é o xénero que acada maior relevancia, con figuras como Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela ou Ramón Cabanillas, que marca a transición cara á vangarda. A partir deste ano, a cultura galega recibe un pulo definitivo coa fundación das Irmandades da Fala e a actividade do grupo Nós, que tenta situala á altura das tendencias máis avanzadas de Europa. Na década dos vinte introducíronse progresivamente os movementos de vangarda que, nalgúns casos, deron lugar a manifestacións propias como o hilozoísmo ou o neotrobadorismo. Entre esta data e 1936 destacan, no eido da narrativa, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Rafael Dieste, entre outros; na poesía, Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Luís Pimentel, Fermín Bouza-Brey, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Montes; no teatro, Ramón Cabanillas, Armando Cotarelo Valledor, Leandro Carré Alvarellos ou Castelao. Trala Guerra Civil, a progresiva recuperación cultural manifestouse en todos os xéneros. O clasicismo formal, o intimismo e a continuación de correntes de preguerra, como o imaxinismo ou o paisaxismo, deixou paso a partir dos anos sesenta ao compromiso social e á experimentación técnica, con experiencias salientables como o movemento da nova narrativa, que tentou introducir na literatura galega os procedementos renovadores que xurdiran en Europa coas vangardas. Co final da ditadura intensificouse a produción literaria e xurdiron gran variedade de tendencias e modalidades literarias. Na poesía destacan nomes como Aquilino Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra, Díaz Castro, Antón Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miguel-Anxo Fernán-Vello, Claudio Rodríguez Fer, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Manuel Outeiriño, Ana Romaní, Antón R. Reixa ou Olga Novo; na narrativa, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Méndez Ferrín, Neira Vilas, Carlos Casares, Mª Xosé Queizán, Víc22tor Freixanes, Suso de Toro, Manolo Rivas, Darío Xohán Cabana, Bieito Iglesias, Gonzalo Navaza, Xurxo Borrazás ou Xosé Carlos Caneiro; e no teatro, Euloxio Rodríguez Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Xavier Lama, Cándido Pazó, Kiko Cadaval, Raúl Dans ou Dorotea Bárcena.
-
música contemporánea
[MÚS]
No s XX a música participou da influencia das distintas correntes estéticas que naceron ao abeiro do posromanticismo, impresionismo, expresionismo, atonalismo, dodecafonismo e neoclasicismo. Entre os trazos característicos deste período destacan a aparición da música de narrador e orquestra, a diminución da música coral e do lied, o retorno ao contrapuntismo, a difusión da música sinfónica, o nacemento do jazz, a revalorización dos instrumentos de percusión, a aparición da música no cine, a incorporación do ruído á música e o emprego de instrumentos electrónicos e novas fórmulas sonoras. Ata a Primeira Guerra Mundial, a traxectoria de Mahler, Wolf, Richard Strauss e Reger marcou o estilo musical alemán caracterizado, en xeral, por un exceso do uso das modulacións e do cromatismo e por un afán patriótico. Fronte a esta tendencia, empezaron a xurdir reaccións en París e creouse unha escola na que predominaba un maior refinamento e obxectividade, e unha moderación no emprego das figuras musicais. Apareceu así a figura de Claude Debussy, quen defendeu os postulados do impresionismo, que se caracterizaba pola fidelidade á natureza dos sons lonxe dos canons academicistas. En España, a marca do impresionismo reflectiuse na obra de Granados, Falla e Albéniz, e cómpre destacar os traballos de Charles Ives e as achegas de Bussoni. Antes da Primeira Guerra Mundial, volveu aparecer en Alemaña un novo movemento que rexeitaba a tendencia impresionista europea e o verismo italiano defendido por Pucini, Mascagni e Giordano. Xurdiu deste xeito o expresionismo, que recobrou a subxectividade e defendeu a plasmación das emocións do ser humano. Á cabeza desta nova escola está Arnold Schönberg, que formou a Escola de Viena, xunto cos seus membros máis destacados Alban Berg e Anton Webern. Como oposición a este movemento, considerado un transgresor da harmonía, xurdiu unha especie de neoclasicismo en Alemaña, coa figura de Paul Hindemith, e en Francia baixo o abeiro de Erik Satie o denominado Grupo dos Seis, formado por Auris, Durey, Honegger, Milhaud, Tailleferre e Poulenc; e coa Escola Arcueil, integrada por Henri Sauguet, discípulo de Satie, por Roland-Manuel e por Jacques Ibert. A obra de Maurice Ravel e Igor Stravinsky está influenciada polo neoclasicismo reinante, pero estes dous compositores seguirán camiños diferentes que en Stravinsky, quen lle dá unha maior prioridade ao instrumento, derivará no serialismo. Anterior á aparición do Grupo dos Seis e paralelo aos estilos de Ravel, Satie e Stravinsky, apareceu en Europa unha nova tendencia que defendía o nacionalismo musical e a música popular autóctona da man de diversos compositores como Alexander Skriabin e Sergei Prokofiev, en Rusia; Béla Bartók e Zoltán Kodály, en Hungría; e do musicólogo Constantin Brăiloiu, en Romanía. Despois da Segunda Guerra Mundial, o desexo de innovación primou na creación musical e asístese á aparición de dúas novas tendencias: a música concreta e, como oposición, a revitalización da música abstracta. No primeiro caso, a música caracterízase por empregar na creación toda clase de materiais sonoros (aparellos electrónicos, máquinas, micrófonos, etc) que poden reproducir sinais acústicos, conformándose como predecesor da música electroacústica. En Francia destacan as figuras de Pierre Schaeffer e Pierre Henry, e en Italia as creacións futuristas de Luigi Russolo. Neste panorama musical de vangarda conviven posicións estéticas máis ou menos progresivas ou conservadoras, como se amosa na obra de Arthur Rubinstein, Ferde Grofé, Karl Orff, George Gershwin, Aaron Copland, Olivier Messiaen, John Cage, Leonard Bernstein, Bruno Maderna, Iannis Xenakis, Claude Ballif, Luigi Nono, Luciano Berio, Pierre Boulez e Karlheinz Stockhausen. En España os músicos do s XX están representados pola xeración nacionalista de Manuel de Falla e os seus contemporáneos Isaac Albéniz, Enrique Granados, Joaquín Turina, Óscar Esplá, Jesús Guridi e Pau Casals; polos coetáneos da Xeración do 27, entre outros, Federico Mompou, Rodolfo e Ernesto Halffter, Joaquín Rodrigo e Xavier Montsalvatge; e polos músicos vangardistas que beben das tendencias da música concreta, electrónica e dodecafónica como é o caso de Juan Hidalgo, Carmelo Bernaola, Cristóbal Halffter, Luis de Pablo, Miguel Alonso, García Abril, Tomás Marco, Villa Rojo ou Larrauri. En Latinoamérica sobresaen as figuras de, entre outros, Julián Carrillo, Manuel Ponce, Heitor Villa-Lobos, Silvestre Revueltas, Alberto Ginastera, Héctor Quintanar, Leo Brower e Marlos Nobre; e en Portugal José Vianna da Motta, Luís de Freitas Branco, Ivo Cruz e Fernando Lopes-Graça, entre outros. No que respecta a Galicia, entre a última década do s XIX e as dúas primeiras do s XX, prodúcese unha clara decantación no discurso musicográfico desenvolvido dende o galeguismo, cara a posicións esteticamente conservadoras que se apoian na historia e na tradición oral fortemente folclorizada. De todas as manifestacións da cultura musical en Galicia na segunda metade do XIX a máis representativa é o coralismo, que se converteu, a medida que avanzou o século, en verdadeiro trazo identificador galego tanto dentro como fóra de Galicia. Nos ultimos anos do XIX experimentou unha decadencia, feito debido en parte a un cambio nas formas de ocio e á crise estética que rompeu co modelo popularista musical do século que esmorecía. Dende fins do s XIX, figuras como Pascual Veiga, Xoán Montes ou Xosé Castro Chané relacionáronse co movemento orfeónico e colaboraron nel como compositores e directores. Xa no s XX é notable a grande importancia e repercusión dos coros galegos na recuperación da identidade musical de Galicia. En 1925 creouse a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, unida ao nacionalismo galeguista, xa que dentro do discurso nacionalista tiveron a función de regaleguizar o país. Por este motivo, o seu labor vai ser apoiado dende o nacionalismo e dende os seus órganos de difusión, como A Nosa Terra; por outra banda, destacados galeguistas mantiveron lazos con estas agrupacións. Tal é o caso de Antón Villar Ponte que foi presidente de Cántigas da Terra e, xunto con Leandro Carré, escribiu pezas para as representacións teatrais destas agrupacións. Entre os coros máis salientables destacan Cántigas da Terra (1916), Foliadas e Cantigas (1916), Toxos e Froles (1917), De Ruada (1919) e Cantigas e Agarimos (1921). Non hai que esquecer o labor dos galegos de ultramar na promoción de Galicia a través de diversas actividades culturais como as musicais, xa que moitas veces das sociedades corais xurdían os centros galegos e casas de Galicia, como aconteceu co Centro Gallego de La Habana, creado en 1879 a partir da Sociedad Coral Ecos de Galicia; co Centro Gallego de Bos Aires, disolto en 1892 e refundido en 1907 como consecuencia do labor do Orfeón Gallego, Orfeón Gallego Primitivo e do Orfeón Brigantino bonaerenses; ou coa Casa de Galicia de Bos Aires, promovida pola Asociación Artística Gallega, o Orfeón Gallego Primitivo, a Coral Gallega e a Asociación rexionalista A Terra. Cómpre, ademais, lembrar o importante labor difusor e crítico musical do grupo Nós, reunidos ao redor do Seminario de Estudios Gallegos, a través da revista homónima; así como o das revistas especializadas A Nosa Terra, Alfar e Ronsel, que tamén constituíron un punto de partida para a análise do feito musical galego. Figuras destacadas da música contemporánea en Galicia son, entre outras, Marcial del Adalid, pianista e compositor pioneiro no xénero do lied en galego; Xosé Mª Varela Silvari, compositor, director de corais e bandas, e articulista musical no Heraldo Gallego na sección “Galicia Musical”; Indalecio Varela Lenzano, musicógrafo fundador da Coral Polifónica de Lugo (1932) e autor de Las sociedades corales gallegas (1893), Del piano y de los pianistas (1905) e Los orfeones españoles en la República Argentina (1904); Ramón de Arana Pizzicato, especialista en cuestións de organoloxía e crítico musical; Santiago Tafall Abad, organista, mestre de capela, pedagogo, investigador e estudoso do folclore musical galego; e os compositores Pascual Veiga, Xosé Castro Chané, Xoán Montes, Reveriano Soutullo, Xosé Baldomir (vinculados ao éxito dos orfeóns galegos, do difundido xénero do lied ou da música escénica) e Andrés Gaos. Por outra banda, destacou o traballo de investigación de, entre outros, Xesús Bal y Gay, Xoán Vicente Viqueira, Perfecto Feijoo, Casto Sampedro, Vic22tor Said Armesto, Xesús Martínez Torner, Luis Mª Fernández e Filgueira Valverde. Posteriormente, destacaron, entre outros, os compositores Ángel Barja, Rogelio Groba, Manuel Balboa, Enrique Macías; o labor de crítica e investigación musicolóxica de, entre outros, José López-Calo, Ramiro Cartelle, Carlos Villanueva, Luis Costa Vázquez, Pilar Alén, Julio Andrade Malde, Javier Garbayo, Joam Trillo, Xavier Groba González, Xosé Luís Calle, Manuel Balboa e Juan Bautista Varela de Vega; os intérpretes líricos Antón de Santiago, Fernando Balboa, Mª Teresa del Castillo, Mª José Ladra e Laura Alonso; as agrupacións musicais de pop rock Diplomáticos de Monte Alto, Heredeiros da Crus, Golpes Bajos, Siniestro Total; os grupos de música tradicional Berrogüetto, Chouteira, Luar na Lubre, Brath, Xistra de Coruxo, Na Lúa, Milladoiro, A Roda, Fuxan os ventos; e os intérpretes Ana Kiro, Juan Pardo, Suso Vaamonde, Xil Ríos, Andrés do Barro, María Manuela, Pancho Álvarez, Amancio Prada, Emilio Cao, Uxía, Mercedes Peón, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Cristina Pato, Carlos Núñez e Xosé Manuel Budiño.