Contos do Miño

Contos do Miño
[LIT]

Colección de narracións breves publicada por Eliseo Alonso Rodríguez en 1955 na editorial Mundo Gallego de Bos Aires, con ilustracións de Manuel Colmeiro e un limiar de Eduardo Blanco Amor. É unha das primeiras manifestacións da prosa en galego trala Guerra Civil. Consta de dezaseis relatos ambientados no Baixo Miño, comarca de orixe do autor que recrea desde a distancia evocadora da emigración. Os personaxes responden a tipos de extracción popular, labregos e, en menor medida, mariñeiros. A maioría concíbense como figuras individualizadas, aínda que ás veces se presentan como protagonistas colectivos, como en “O bolo” e “Na taberna”. Na liña da literatura comprometida de corte realista, reflicte unha sociedade atrasada, sometida e oprimida pola pobreza e a miseria moral, que se concreta nuns personaxes marcados por unha vida de sufrimento e desgraza que os conduce á morte, á loucura, ao abandono ou á soidade. Nalgúns contos denúnciase explicitamente o drama da emigración, a falta de escrúpulos da política oficial ou as consecuencias negativas do servizo militar. O dramatismo da obra intensifícase con frecuencia por un ton lírico, intimista, con influencia do saudosismo e dun sentimento panteísta na captación da paisaxe, que se advirte, sobre todo, nos contos “Ladaíña”, “Pepiño” e “A nube branca”, ás veces mesturado cun humor e cunha ironía que inciden na crueldade da vida, mediante a deformación ou a hipérbole. O conto “O peregrino das flores blancas” distánciase do realismo do conxunto ao incorporar elementos do xénero fantástico. A expresión é directa e simple, afastada das técnicas de vangarda, e caracterízase polo instantaneísmo acadado mediante trazos breves e rexos, as reiteracións intensificadoras, os períodos curtos e sentenciosos que derivan en desenlaces rápidos e impactantes, as comparacións e os contrastes entre lirismo e realismo, tenrura e crueldade. A lingua correspóndese cun galego literario de carácter popular propio da época, con dialectalismos propios dunha variante idiomática fronteiriza, vulgarismos, castelanismos, hiperenxebrismos, pseudoevolucións, arcaísmos, lusismos, vacilacións nas grafías e alternancias de solucións nos paradigmas verbais ou pronominais.