Contos populares da provincia de Lugo
Colección de contos populares editada polo Centro de Estudios Fingoy en 1963. A primeira edición constaba de 300 relatos recollidos por mestres de primaria dos nenos das súas escolas, aos que animaban para que preguntasen aos seus parentes máis vellos. O material resultante destes traballos transcribiuno e organizouno un equipo dirixido por Ricardo Carballo Calero, no que colaborou Bernardino Graña, daquela bolseiro do Colexio Fingoy. Os textos publicáronse xunto cunha táboa de informantes, na que figuraba o nome do mestre que comunicaba o conto, o da escola que rexentaba, o do neno que proporcionaba o conto e a data do curso no que se recollera. De varios contos incluíronse dúas ou máis variantes, que nalgúns casos chegaron a nove. En 1972 apareceu unha segunda edición con 228 relatos, despois de que se decidira rexistrar só a variante de cada conto que presentase maior interese literario. Así mesmo, resolveuse suprimir os datos relativos aos informantes e axeitar a ortografía dos textos ás normas ortográficas elaboradas pola Real Academia Galega en 1971, labor que correu a cargo de Mercedes Brea, vinculada á cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. En ambas as dúas edicións, a selección clasificouse segundo criterios temáticos baixo as seguintes etiquetas: “contos de animais”, “contos sentenciosos”, “contos varios”, “contos en verso” e “lendas de castros e montes”, cunhas vinte pezas cada un, e “contos de bulras”, a sección máis extensa, con preto de 200 textos, que á súa vez se subdivide en función do ton ou do personaxe principal en “contos de mulleres”, “de tolos”, “de santos”, “de enigmas e adiviñas”, “de meigas i encantamentos”, “de cregos”, “de xastres”, “de canteiros”, “de curiás”, “de cazadores”, “de amos e criados”, “de ladróns”, “de borrachos”, “de medosos”, “de estudiantes e soldados”, “de galegos i extranxeiros” e “de cazmurraría campesina”. A maior parte deles son, a xeito de fabliaux, sátiras contra as mulleres, contra o clero e contra a curia. A escolma atende tanto aos contos tradicionais, como a un tipo de narración curta próxima ao chiste, na que predomina a axilidade da anécdota sobre o pracer de narrar. Foi a compilación de narrativa popular máis coñecida e reeditada ata que se publicou a colección de Henrique Harguindey e Maruxa Barrio titulada Contos populares (1983).