Cooper, Frank James

Cooper, Frank James

Actor cinematográfico norteamericano. Coñecido como Gary Cooper, a partir de 1924 entrou en contacto co mundo do rodeo e apareceu como figurante en pequenos papeis da Paramount. Conseguiu o seu primeiro papel destacado no filme The Winning of Barbara Worth (Flor de deserto, 1926), e sobresaíu en papeis de western como The Western (O forasteiro, 1940), Unconquered (Os inconquistables, 1947), High Noon (Só ante o perigo, 1952), Garden of Evil (O xardín do demo, 1954), Veracruz (1954), Man of the West (O home do oeste, 1958) ou The Hanging Tree (A árbore do aforcado, 1959). Converteuse tamén no heroe de filmes de aventuras como Alas (1927), The Lives of a Bengal Lancer (Tres lanceiros bengalís, 1935), Beau Geste (1939), The Real Glory (A selva en armas, 1939), Sergeant York (O sarxento York, 1941), For Whom the Bells Tolls (Por quén tocan as campás, 1943) ou The Story of Dr Wassell (Polo val das sombras, 1944). Protagonizou, ademais, famosas comedias románticas como A Farewell to Arms (Adeus ás armas, 1932), Desing for Living (Unha muller para dous, 1933) ou Love in the Afternoon (Ariane, 1957). Traballou en máis de cen películas, a maioría como protagonista, gañou dous Oscar (Sergeant York e High Noon) e interpretou papeis destacados en filmes de coñecidos directores como Ernst Lubitsch, Frank Capra, King Vidor, Billy Wilder ou Fritz Lang, co que se converteu nunha das figuras míticas de Hollywood.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Helena, Montana

  • Deceso

    Lugar : Hollywood, California