Coordinadora Feminista de Vigo
Órgano colectivo creado entre os anos 1978 e 1979, que agrupou distintas organizacións feministas de Vigo (AGM, ADMG, FIGA e MDM). A organización autónoma das mulleres foi un dos seus sinais de identidade, e as súas actividades recolleron desde a mobilización polos dereitos específicos das mulleres ata a reivindicación pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres na lexislación. No ano 1980, a FIGA desligouse da Coordinadora Feminista, que pasou a converterse nunha soa organización, legalizada no ano 1984. Desde 1981, formou parte da Coordenadora Nacional de Organizacións Feministas de Galicia (CNOF), aínda que mantivo unha dinámica propia. Froito da diversidade das ideas e dos proxectos feministas e políticos das mulleres que a compuñan: diferencias sobre o lugar de traballo institucional, marcos socio-políticos de actuación, orientación das campañas, etc, algunhas integrantes desta organización sumáronse nos anos 1985 e 1986 á formación doutros grupos feministas como Alecrín e Donicela. Incorporáronse tamén ás secretarías da muller dos sindicatos CC OO e CIG, das asociacións veciñais e das MNG. A principios dos noventa integrou, xunto ao colectivo feminista Donicela, a Coordinadora Feminista Donicela.