Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas
Colectivo de organizacións autónomas de mulleres de ámbito local creado por iniciativa da AGM en 1981, na que participaron as AGM de Santiago de Compostela, Ourense e Ferrol, as asembleas de mulleres de Arousa, A Coruña e Pontevedra, e a Coordinadora Feminista de Vigo. A CNOF comezou a publicación da revista Andaina, e levou adiante campañas en defensa do dereito ao aborto libre, contra as agresións ás mulleres, polo dereito ao traballo e contra a discriminación, polo dereito a unha sexualidade libre e elixida, etc. Combinou diferentes xeitos de actuación, desde a realización pública de abortos ilegais, autoinculpacións e asesoramento a mulleres, ata diversas campañas de denuncia, mobilización e sensibilización social sobre estes temas. En 1984 organizou os II Encontros Feministas de Galicia, celebrados en Vigo, e en 1987 participou nas Xornadas Contra as Agresións, celebradas en Santiago de Compostela e organizadas pola Coordinadora Estatal de Organizaciones Feministas (CEOF).