Copa da UEFA
Segunda competición internacional europea de fútbol, organizada pola Unión Europea de Federacións de Fútbol. Comezou a disputarse na tempada 1971-1972, en substitución da Copa de Feiras. O número de participantes que representa a cada país decídese en función dos resultados dos seus clubs nas 5 campañas anteriores. A fórmula da competición apenas sufriu variacións ao longo da historia: os equipos enfróntanse en eliminatorias a dobre partido; os emparellamentos determínanse segundo un sorteo previo á disputa de cada rolda, agás nas semifinais, que xa van predeterminadas tralo sorteo de cuartos; a final disputouse a dobre partido ata a tempada 1996-1997, e a partir de entón celébrase a partido único en campo neutral. A principios da década de 1990, a creación de novos estados como resultado dos procesos secesionistas experimentados na Europa oriental, motivou o ingreso na UEFA de novas federacións nacionais e, como consecuencia, unha inflación de equipos coa aspiración lexítima de acceder ás competicións europeas, o que obrigou a unha reestruturación do seu formato, limitado ata daquela a 64 equipos. Establecéronse máis eliminatorias previas e, paralelamente, aproveitouse unha competición estival, a Copa Intertoto, que dende 1995 proporciona 3 prazas na Copa da UEFA aos seus campións. Ademais, tamén acceden á primeira eliminatoria da Copa da UEFA os equipos eliminados nas roldas previas da Liga de Campións, mentres que os 4 mellores terceiros clasificados na primeira liguiña desa máxima competición acceden aos oitavos de final. Outro xeito de participar na Copa da UEFA é recibir a invitación que a federación europea reserva aos equipos de primeira división con menos sancións disciplinarias nas competicións nacionais, segundo unha clasificación conxunta ponderada. O Real Club Celta de Vigo participou na primeira edición do torneo (1971-1972), que constituíu o debut dos equipos galegos nas competicións europeas. Ademais, o Celta disputou as edicións de 1998-1999, 1999-2000, 2000-2001 e 2001-2002. O Real Club Deportivo de La Coruña acadou a súa primeira clasificación para a Copa da UEFA na tempada 1993-1994 e tamén participou nas campañas 1994-1995, 1997-1998 e 1999-2000. Tan só un equipo español, o Real Madrid CF, conseguiu o título (tempadas 1984-1985 e 1985-1986).