Copa de Europa

Copa de Europa
Nome científico: [Copa de Europa de Campións de Liga]


Copa de Europa de Baloncesto
En 1957, a International Basketball Federation puxo en marcha un campionato europeo para clubs campións de liga a imaxe do de fútbol. En 1988, o baloncesto situouse na vangarda da modificación do sistema de competición, coa celebración das semifinais e final nunha mesma sede e a partido único, en datas consecutivas (final a catro ou final four); tamén foi pioneiro na apertura da máxima competición a máis equipos, e non estritamente os campións das ligas nacionais, medida que adoptou a partir da tempada 1991-1992, e que deu lugar a que dende entón a Copa de Europa se denomine Liga Europea. Na tempada 2000-2001 produciuse unha escisión no baloncesto europeo, que supuxo a celebración de dúas competicións paralelas: a Suproliga, organizada pola FIBA e que continuou co sistema de final a catro, e a Euroliga, organizada polos clubs das principais ligas (entre elas a italiana e a española), na que as eliminatorias finais se disputan polo sistema de eliminatorias a cinco partidos. A participación de clubs galegos nesta competición correspondeulle os equipos femininos: o Medina da Coruña e o Celta de Vigo, clasificados en varias ocasións para esta competición, que se vén celebrando dende 1959. O galego Fernando Romay proclamouse na tempada 1979-1980 campión do torneo co Real Madrid, equipo que posúe 8 títulos (1963-1964, 1964-1965, 1966-1967, 1967-1968, 1973-1974, 1977-1978, 1979-1980 e 1994-1995). O Joventut de Badalona é o outro equipo español que conseguiu o triunfo, na tempada 1993-1994. Na categoría feminina, o Dorna Godella de València venceu nas tempadas 1991-1992 e 1992-1993; non obstante é o equipo soviético (letón) do Daugawa Riga o que posúe a plusmarca absoluta de triunfos de todas as disciplinas na Copa de Europa, con 18 triunfos entre 1960 e 1982 (12 deles consecutivos dende 1964 ata 1975).
Copa de Europa de Voleibol
Na tempada 1959-1960 celebrouse por primeira vez a Copa de Europa de voleibol masculino. A competición feminina inaugurouse un ano despois. Os equipos moscovitas foron os grandes dominadores desta competición ata a década dos noventa: na categoría masculina o CSKA de Moscova venceu na primeira edición e sumou outros doce títulos, o último na tempada 1991; na categoría feminina, o Dinamo de Moscova acadou 10 triunfos entre as tempadas 1960-1961 e 1974-1975, mentres que o CSKA venceu noutras 4 ocasións entre 1966 e 1986. A hexemonía soviética complétase cos triunfos en categoría masculina do Burevesniek Alma Ata kazakho (tempadas 1969-1970 e 1970-1971) e en categoría feminina coa vitoria do Burevesniek Odessa ucraíno (1961-1962) e as 8 das rusas do Uralotchka Swedlovsk de Ekaterinburg, entre 1982 e 1995. Despois, os equipos italianos relevaron os soviéticos no dominio europeo.
Copa de Europa de Waterpolo
A Liga Europea de Natación organiza dende a tempada 1963-1964 a Copa de Europa de waterpolo masculino. Esta competición rexistrou triunfos españois nas tempadas 1981-1982, coa vitoria do Club Natación Barcelona, e 1994-1995, coa do CN Catalunya. En categoría feminina a primeira edición celebrouse na tempada 1987-1988.
Copa de Europa de Hóckey a patíns
A Copa de Europa de Hóckey a patíns comezou a disputarse na tempada 1965-1966. A competición desenvolveuse segundo a fórmula de eliminatorias directas a dobre partido ata finais da década de 1990. O Patín Club Voltregá foi o primeiro campión. O hóckey a patíns é a modalidade deportiva que rexistrou máis triunfos galegos na Copa de Europa, os acadados polo Hóckey Club Liceo da Coruña nas tempadas 1986-1987, 1987-1988 e 1991-1992. En total, os equipos españois acadaron 32 títulos nas 36 edicións disputadas ata o 2001: ademais dos 3 do Liceo, 13 do FC Barcelona, 6 do Reus, 6 do Igualada, 3 do Voltregá e 1 do Noia.
Copa de Europa de Hóckey sobre herba
O hóckey sobre herba disputa a Copa de Europa para equipos masculinos dende a tempada 1968-1969. Nas dúas primeiras edicións proclamouse campión un equipo español, o Club Egara. Nas tempadas 1984-1985 e 1997-1998 o Atlétic Terrassa sumou outros dous títulos. Malia eses triunfos, a neta superioridade alemá neste deporte concretouse en 16 vitorias no s XX. En categoría feminina, dominada polas holandesas, con 23 títulos, a primeira edición do campionato celebrouse na tempada 1973-1974.