Copa EHF
Terceira competición oficial europea de balonmán, organizada pola Federación Europea de Balonmán. Tanto na categoría masculina como na feminina comezou a disputarse na tempada 1981-1982 co nome de Copa IHF, pois era a federación internacional quen a organizaba; en 1993, tras constituírse a federación europea, mudou o nome polo de Copa EHF. Entre 1993 e 1996, a competición masculina estivo dominada polos equipos da liga ASOBAL: o TEKA Santander na tempada 1992-1993, O Balonmano Alzira na 1993-1994 e o Balonmano Granollers nas tempadas 1994-1995 e 1995-1996 suman os catro títulos do palmarés español. Dous equipos galegos masculinos participaron neste torneo: a SD Teucro de Pontevedra, na campaña 1995-1996 (caeu eliminado na primeira rolda), e o Academia Octavio de Vigo, no ano seguinte, 1996-1997, (eliminado nas semifinais). A competición feminina só rexistrou unha vitoria española, a do Mislata valenciano na tempada 1999-2000.