Copa Intertoto

Copa Intertoto

Competición internacional de clubs de fútbol. Creouse a principios da década de 1960 coa finalidade de establecer un xogo de apostas semellante á quiniela a nivel europeo que proporcionase ingresos adicionais aos clubes. Participaron nas primeiras edicións diversos equipos da Europa central e nórdica. O primeiro campión foi o Ajax Amsterdam. Despois de varios anos, o torneo, no que non competían cadros das grandes potencias (Italia, España ou as Illas Británicas), foi denostado polos grandes clubs e dexenerou nun trofeo estival ao que concorrían equipos de mediana categoría. Non obstante , no verán de 1995 a UEFA decidiu revitalizar esta competición. A intervención da federación europea viuse favorecida pola inflación de asociacións nacionais que xurdiran trala desintegración da Unión Soviética, Iugoslavia e, en menor medida, Checoslovaquia, que tivo como consecuencia un incremento do número de equipos susceptibles de participar nas competicións internacionais oficiais. Trala reestruturación, a Intertoto pasou a disputarse nos meses de xullo e agosto. Os participantes divídense en tres grupos; realízase un sorteo que determina emparellamentos, de xeito que se desenvolven eliminatorias a dobre partido ata proclamar un campión. Cada un dos tres campións adquire o dereito a participar na edición da Copa da UEFA inmediata. En 1998 participaron por vez primeira equipos da liga española, o Valencia CF e o RCD Espanyol. Finalmente, o Valencia CF proclamouse campión. O Real Club Celta de Vigo foi o primeiro equipo galego en tomar parte nesta competición, no verán de 2000; o triunfo final do club vigués constituíu o primeiro título oficial europeo conquistado polo fútbol galego.