Copeau, Jacques
Actor, dramaturgo, ensaísta e director de escena. En 1913 creou o Théâtre du Vieux-Colombier, espazo teatral que permaneceu pechado ata 1920 por mor do inicio da Primeira Guerra Mundial. Nese tempo, continuou as súas reflexións sobre a arte teatral ao abeiro dos seus encontros con Adolhe Appia, Gordon Craig e Emile-Jacques Dalcroze, ao mesmo tempo que seguía o seu labor como director, realizando varios espectáculos en Nova York. De volta en París, en 1920 reabriu as portas do Vieux-Colombier, e tamén retomou un dos seus proxectos máis queridos, a escola profesional para a formación de actores, xa que un dos trazos distintivos do seu traballo foi a combinación de formación e realización. A súa proposta artística parte da importancia do texto e do actor, os dous elementos fundamentais da creación teatral, renunciando así á estética naturalista e asumindo certas ideas básicas da commedia dell’arte italiana, como o uso de panos de fondo en lugar de decorados ou a importancia da improvisación na construción do personaxe. Á fronte do Vieux-Colombier construíu un repertorio a partir de textos de William Shakespeare e dos clásicos franceses, entre os que destacaba Molière. A súa preocupación polo público, por aumentar o seu número e por concederlle un maior protagonismo na comunicación teatral, levouno a explorar unha fonda revisión de formas artísticas populares relacionadas co teatro medieval, coa comedia improvisada e co teatro inglés de finais do s XVI e principios do XVII. Entre 1936 e 1939 dirixiu varios espectáculos no Théâtre de la Comédie Française; asumiu en 1940 o cargo de director, que abandonou en 1941 trala ocupación nazi. A súa obra está considerada como unha das achegas máis significativas para o desenvolvemento da dirección de escena. Como teórico, escribiu Études d’art dramatique (Estudios de arte dramática, 1924), Souvenirs du Vieux-Colombier (Recordos do Vieux-Colombier, 1931), Notes sur le métier de comédien (Notas sobre o oficio de comediante, 1955) e, como dramaturgo, La maison natale (A casa natal, 1923). Publicou moitos destes traballos na Revue d’Art Dramatique, na Nouvelle Revue Française, en Les Cahiers du Vieux-Colombier, e foi o encargado da redacción do volume Le Théâtre Populaire (O teatro popular, 1941), fundamento do proceso de descentralización teatral que tivo lugar en Francia despois da Segunda Guerra Mundial.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Beaune, Borgoña