copyright
(< ingl copyright)
Dereito que garante a un autor ou institución a publicación, venda ou reprodución en exclusiva dunha obra literaria, artística ou científica determinada. Ten a súa orixe nas licencias reais que se expediron en Venecia, a finais do s XV, coa finalidade de controlar todos os escritos que circulaban pola cidade. Sobre este precedente, os gremios de impresores comezaron a valorar a posibilidade de protexer tanto os dereitos sobre os beneficios económicos que puidese reportar a difusión do seu traballo, coma a súa propiedade intelectual e artística. Deste xeito, xurdiron algunhas tentativas de lexislación para loitar contra os plaxios das obras, as traducións ilegais ou as falsas reproducións que alteraban os textos orixinais. A primeira lei para defender os dereitos de autoría e distribución aprobouse en Inglaterra no ano 1710 e, de seguida, outros países elaboraron editos ou leis co mesmo propósito, como Dinamarca (1741), EE UU (1790) ou Francia (1793). O recoñecemento legal da propiedade intelectual dunha obra foi paralelo á progresiva valoración da figura do autor. A inicial protección que cada país deparaba aos seus autores nacionais durante un tempo reducido superouse pola atención aos dereitos de todo autor, con independencia do país de procedencia, como ocorreu en Francia no ano 1852. Esta medida desembocou na creación da Unión de Berna (1886) que defendía os dereitos dos autores pertencentes aos catorce países membros, sobre as súas publicacións, e os doutras nacionalidades, sobre os seus inéditos. De forma convencional sinálase mediante a abreviatura Copr ou o símbolo ©, ao que se engade o autor ou institución correspondente e a data da primeira edición. O seu período de vixencia varía segundo a lexislación dos distintos países.