Corcubión, San Marcos de
Igrexa parroquial situada en Corcubión. Construíuse no último terzo do s XV en estilo gótico mariñeiro. Presenta unha planta de nave única, con cuberta de madeira a dúas augas, e capela maior de planta rectangular cuberta con bóveda de crucería. No s XVIII ampliouse a igrexa coa construción de dúas capelas aos lados da nave: a capela da Nosa Señora das Mercedes e a capela do Carme (1715). A fachada reconstruíuse en estilo neogótico, segundo a traza de Rodríguez Sesmero (1885). A porta orixinaria consérvase trala nova fachada. No interior destaca unha imaxe de san Marcos de finais do s XV ou comezos do s XVI atribuída a un artista do norte de Italia. O evanxelista está sentado nunha cadeira, ornamentada coas armas dos Altamira no apoio e cun león nos pés, e aparece vestido como o prototipo de home renacentista na actitude de escribir o seu Evanxeo.