cordado -da

cordado -da

(< lat chorda ‘corda’)

    1. adx

      Relativo ou pertencente aos cordados.

    2. s m [ANIMAL]

      Animal que pertence ao filo dos cordados.

    3. s m pl [ANIMAL]

      Filo de animais celomados deuteróstomos de simetría bilateral. Presentan como características fundamentais: un só cordón nervioso dorsal e tubular, un eixe dorsal de tecido cartilaxinoso (notocorda) ou óseo (columna vertebral), fisuras branquiais na farinxe e unha cola posnatal. Estas características son constantes nas formas larvarias, pero algunhas poden modificarse ou desaparecer nas formas adultas de certos grupos. A notocorda, estrutura flexible en forma de variña que se estende lonxitudinalmente, orixínase no embrión en posición dorsal sobre o intestino e actúa como órgano principal de sostemento do corpo. O sistema nervioso, dorsal e tubular, aparece pouco tempo despois da gastrulación como unha invaxinación da ectoderme e forma un cordón baleiro por riba da notocorda; no extremo anterior hai unha vesícula cerebral. As fisuras branquiais da farinxe son aberturas que comunican o exterior coa cavidade farínxea, orixínanse por invaxinación da ectoderme e pola evaxinación do endoderma e teñen, en principio, unha función tanto respiratoria coma alimentaria: en xeral, actúan como órganos respiratorios nas formas acuáticas, grazas á forte vascularización das súas paredes, pero nas formas aéreas só se desenvolven nas primeiras fases embrionarias. A cola posnatal é unha estrutura engadida ao corpo, por detrás do tubo dixestivo, que lle proporciona mobilidade ao animal. Outras características dos cordados son: a presencia dun corazón ventral e de vasos sanguíneos tamén ventrais, que determinan un sistema circulatorio pechado, un sistema dixestivo completo, músculos segmentados e, na maioría de animais deste filo, un endoesqueleto cartilaxinoso ou óseo. Divídense normalmente en tres subfilos: urocordados ou tunicados, cefalocordados e vertebrados ou craniotas. Os urocordados, que son en xeral formas coloniais sésiles e mariñas, só teñen notocorda durante as fases larvarias libres, pero pérdena ao fixarse, xa que a función de sostemento a fai a túnica, formada por unha substancia chamada tunicina. Os cefalocordados son animais libres, que en xeral viven soterrados na area e con todas as características típicas das formas adultas; é moi clara a súa metamerización da musculatura. O seu representante máis típico é o anfioxo. Finalmente, os vertebrados teñen a notocorda transformada en columna vertebral, orixinada polo desenvolvemento dos arcos neurais que a protexen, dentro da que está incluído tamén o cordón nervioso denominado medula espiñal.

  1. adx [HERÁLD]

    Aplícase ás figuras con cordas (instrumentos musicais, béstas, arcos, etc) nas que estas son dun esmalte diferente.

Palabras veciñas

Corcuera Cuesta, José Luis | corda | cordada | cordado -da | cordaitáceo -a | cordaital | Cordaites