Córdoba, califato de
Territorio de Al-An-dalus que se constituíu como estado independente política e relixiosamente entre os anos 929 e 1031.
Orixe do califato: o emirato de Córdoba
Al-Andalus integrouse no califato de Damasco como emirato dependente no 756. Trala matanza dos omeias de Damasco polos abbásidas, ‘Abd al-Ra ḥ mān I refuxiouse na Península Ibérica, venceu a Yūsuf al-Fihrī (756) e creou o emirato de Córdoba (756-929); este emirato tiña independencia política pero non relixiosa, e organizouse independentemente do conxunto dos seus súbditos, formado por razas e culturas diferentes, a miúdo enfrontadas entre si. Os seus sucesores, Hišām I (788-796) e al- Ḥ akam I (796-822), consolidaron o emirato malia as revoltas sociais e económicas. Baixo o goberno de ‘Abd al-Ra ḥ mān II (822-852) adoptouse o modelo de organización de Bagdad, non obstante a estrutura política do emirato era feble e inestable: ao norte, a familia dos Banū Qasī estableceu un reino propio; na Marca Inferior produciuse a rebelión de ‘Umar ibn Ḥ af ṣ ūn (880); e no interior do emirato sucedéronse revoltas de carácter urbano.
Evolución política
Cando ‘Abd al-Ra ḥ mān III chegou ao poder (912), os desordes internos agraváronse pola ameaza do Reino de León e do novo poder fatimita de Ifrīqiyya. O emir derrotou en Valdejunquera a coalición formada polos reinos de León e Navarra, e aproveitou a conflitividade interna do primeiro, desencadeada trala morte de Ramiro II, para deter o avance cristián. No interior do emirato someteu os rebeldes e reivindicou os seus dereitos como descentente dos califas omeias. No 929 nomeouse amīr al-mu’mīnī, califa e príncipe dos crentes, e instituíu, deste xeito, o califato de Córdoba. Durante o seu reinado, o califato alcanzou a maior prosperidade económica da historia de Al-Andalus e en tempos do seu fillo e sucesor, al- Ḥ akam II (961-976), Córdoba converteuse no centro cultural máis importante de todo occidente. O reinado de al- Ḥ akam II caracterizouse pola paz interior do califato, polas continuas loitas contra o Reino de León e polo establecemento dun protectorado dos omeias no norte de África. O seu sucesor, o seu fillo Hišām II (976-1009), que tiña once anos no momento da sucesión, malia as intrigas palacianas, converteuse en califa; sen embargo, o goberno estivo nas mans do seu titor Almanzor, que se converteu no 978 no ḥ ā ǧ ib (‘gobernador’) de Córdoba. Reiniciou as expedicións contra terras cristiás -entre outras campañas arrasou Santiago de Compostela no 997-, e estendeu a súa soberanía aos bérberes do Magreb. Á súa morte sucedeuno o seu fillo, ‘Abd al-Malik al-Mu- ẓ af-far (1002-1008), que respectou e mantivo a dignidade nominal do califa, aínda que afastado da política. Trala morte deste (1008) iniciouse un período de intrigas interiores que precipitaron a ruína de Al-Andalus. Entre 1009 e 1031 o califato viviu un proceso de desintegración política e social que, por unha banda, conduciu á fin do mesmo e, pola outra, ao inicio dunha ofensiva dos reinos cristiáns. Logo da morte de Hišām II, que fora apartado do goberno durante 1009 e resposto entre 1010 e 1013, xurdiron diversos líderes que pretenderon restablecer o poder central e reinvindicar a dignidade califal. Sucedéronse seis califas da familia omeia e tres da familia bérber dos hammudís. Un consello formado polos membros das familias máis notables de Córdoba acordou no 1031 abolir o califato e establecer un consello de goberno. Iniciouse, entón, un novo período da historia de Al-Andalus: os reinos de taifas.
Organización administrativa
O xefe espiritual e temporal era o califa; entre outras funcións, dirixía a política exterior, cuñaba moeda, dirixía o exército e presidía a oración dos venres. O hachib, elixido entre os visires de menor rango, encargábase da administración e tiña as funcións dun camarlengo. O xuíz supremo era o califa, pero os encargados de administrala eran os cadís. O exército estaba formado por membros permanentes e por mercenarios, procedentes na súa maior parte do norte de África. Trala instauración do emirato levouse a cabo a centralización administrativa e a división en provincias ou koras gobernadas polo walí, nomeado dende Córdoba. Ademais, existían as Marcas ou provincias fronteirizas: a Superior con capital en Zaragoza, a Media con capital en Toledo e a Inferior con capital en Mérida, dirixidas por cadanseu xefe militar.
Economía
Al-Andalus foi unha civilización netamente urbana; o centro da vida económica constituíano as cidades onde se concentraban artesáns e comerciantes. No eido da artesanía traballaron o coiro, o ouro, a prata, o vidro, a cerámica, o papel e as pedras preciosas, e destacaron na realización de brocados e traballos de seda. O comercio desenvolveuse interior e exteriormente, ao manter intercambios cos reinos cristiáns e co norte de África. Ademais, no interior das cidades, nos zocos, cuñábase moeda de ouro (dinar) e de prata (dirham). Desenvolveuse unha agricultura caracterizada polo emprego das técnicas de regadío e pola introdución de novos cultivos, como o algodón e o arroz. Xunto a eles, destacan os cultivos de trigo, as oliveiras e as vides. A gandería acadou tamén un gran desenvolvemento coa cría de cabalos, bois, mulas e asnos, e coa introdución do camelo. Ademais, impulsaron a extracción de recursos minerais, como o cobre, o chumbo, o ouro e o ferro.
Sociedade e cultura
A sociedade do califato estaba formada por unha base de poboación romano-visigoda sobre a que se superpuxeron os distintos continxentes de poboación musulmá que chegaron á Península. A relixión foi o elemento diferenciador desta poboación. Dentro dos musulmáns existían diferencias de carácter étnico -árabes e bérberes-, xurídicas -escravos e libres-, e económicas. No que atinxe á poboación peninsular, cómpre distinguir entre os muladís, de pai musulmán e nai hispana, e os musalimah ou convertidos ao islam. Outros grupos de poboación importantes foron os cristiáns e os xudeus, que gozaron da tolerancia da poboación musulmana. Durante o califato de Córdoba, Al-Andalus viviu un período de esplendor cultural e artístico co desenvolvemento da filosofía, da medicina, da astronomía e da literatura. No eido da arte destacaron as distintas ampliacións da mesquita de Córdoba e a construción da cidade de Medināt al-Zahrā’.