Corea
Península de Asia oriental, entre o mar do Xapón ao L, o Mar Amarelo ao O, o estreito de Corea ao S e China e Rusia ao N (219.362 km2; 65.819.587 h [1998]). Divídese en dous estados: a República Democrática Popular de Corea, ou Corea do Norte, que se estende pola parte continental e peninsular e que remata no paralelo 38° N, e a República de Corea, ou Corea do Sur, situada ao SL do paralelo.
Xeografía física
A maior parte de Corea está formada por montañas de altitude media, moi abruptas, que alternan coas pequenas superficies de labranza das chairas aluviais. O N, moi montañoso, está cuberto de materiais miocénicos, cunhas altitudes medias que superan os 1.000 m de altitude. Un conxunto de montañas graníticas, as T’aebaek, atravesan a península cunha dirección N-S e van diminuíndo en altura na mesma dirección. O clima é temperado, cunha certa continentalidade por mor da proximidade das correntes frías. Os ríos caracterízanse en xeral pola súa forte pendente e pouca lonxitude (o Yalu e o Taedong ao N, o Han no centro e o Naktong ao SL). A vexetación corresponde á diversidade climática: ao norte, abundan os bosques de follaxe caduca e nas montañas bosques de coníferas; a rexión meridional presenta vexetación monzónica.
Historia
Os primeiros poboadores
Os primeiros vestixios da presenza humana situados na península coreana corresponden a diversas ferramentas líticas, aparecidas nas covas de Seokjang-ri, Sangwon, Jeommal e Durubong, e poden datarse dende o Paleolítico medio ata o final do Paleolítico superior. O descubrimento de numerosos lugares de poboamento Mesolítico e Neolítico, con restos de microlitos e diversos tipos de cerámicas (lisas, con debuxos xeométricos, etc), confirma a continuidade do poboamento. Os habitantes neolíticos (V-III milenio) vivían da pesca, da caza e da recolleita de froitos silvestres (moían landras e diversos tipos de grans salvaxes). No III milenio a C estendeuse por Manchuria, polo litoral oriental de China e polas comarcas do N do río Iang-Tsé, un pobo de arqueiros coñecido co nome de Dongi. Un mito deste pobo sitúa a creación do primeiro Reino de Chosŏn, ao NO da península (2333 a C), por Tangun, que unificou as distintas tribos de orixe tungúsico e estableceu a capital en Asadal (no actual P’yŏngyang). O período do antigo Reino de Chosŏn dividiuse en tres etapas: Tangun (2333 a C-1100 a C), Kija (1100 a C-194 a C) e Wiman (194 a C-108 a C). Ao longo destas etapas resistiron con éxito os ataques chineses, pero durante a dinastía Han o Emperador Wu organizou ao NO da península de Corea unha serie de provincias dependentes, coñecidas como comandancias chinesas (108 a C). A partir do s I a C a península quedou dividida nas federacións de Mahan, que fixo fronte aos chineses, mentres que as federacións de Chinyang-ho e P’yŏngyang resistiron as invasións xaponesas.
Os tres reinos e a unificación de Silla
A federación tribal de Mahan consolidouse ao SO como reino de Paekche, fundado no 18 a C; a federación de Chinhan no SL converteuse no reino de Silla, fundado no 57 a C; e o reino de Koguryŏ, creado no 37 a C, estendeuse dende o S de Manchuria ata o curso medio do río Yalu. Os tres reinos transformáronse en estados mediante sucesivas guerras de expansión que deron lugar a sistemas militares e administrativos centralizados. En cada un destes estados xurdiu unha aristocracia poderosa, formada polos xefes tribais que residían nas capitais dos reinos. Mentres o reino de Paekche acadaba un alto nivel de civilización, aínda que débil no aspecto político e militar, Koguryŏ sobresaíu militarmente e foi o máis poderoso ata o s V. O reino de Silla, co apoio da dinastía chinesa Tang, conquistou e someteu os reinos de Paekche (660) e de Koguryŏ (668), e posibilitou a reunificación da península. Os superviventes do reino de Koguryŏ, liderados polo xeneral Tae Cho-yang, fundaron o novo reino de Perhae, ao N da actual Manchuria, e enfrontáronse ao reino de Silla; posteriormente, foi sometido polos pobos nómades do N. Durante este período, coñecido como o do “reino unificado de Silla”, conseguíronse agrupar as poboacións dos reinos conquistados e expulsar as tropas chinesas. Os monarcas emprenderon unha política de fortalecemento da autoridade real e de matrimonios coas familias máis poderosas dos reinos. O reino de Silla converteuse nunha monarquía absoluta que integrou os principais líderes dos diversos reinos, aos que se lles concedían cargos oficiais; o budismo serviu tamén como elemento para potenciar a unificación do país. As melloras no sistema xudicial, xunto co modelo de división administrativa chinés, burocracia centralizada e o establecemento de destacamentos do exército por todo o país, permitiu a unificación e pacificación do reino. A finais do s VIII comezou a decadencia do reino de Silla, provocada polo levantamento dos campesiños e os conflitos coa aristocracia. A partir de entón, estableceuse un novo sistema de goberno no que algúns líderes provinciais se fixeron co poder e refundaron os reinos de Koguryŏ tardío e Paekche tardío.
A dinastía Koryŏ
O país unificouse de novo baixo o goberno de Wang Kong Songak (918), fundador da dinastía Koryŏ, que convenceu o derradeiro monarca da dinastía de Silla para abandonar o trono e integrou os superviventes do reino de Paekche tardío. O reino de Koryŏ -do que deriva o nome de Corea-, expandiu os seus territorios ata o río Yalu, despois de enfrontarse ao pobo dos khitan, reforzou as defensas das fronteiras do N e instalou postos de control militar por todo o país. Estableceuse un eficiente goberno centralizado no que participaban os señores provinciais e a antiga aristocracia de Silla. Seguindo o modelo da burocracia chinesa, dividiu o reino en provincias, prefecturas, subprefecturas, distritos e pequenas unidades administrativas. Durante este período de paz fortaleceuse o comercio exterior, sobre todo con China, e adoptouse o budismo como relixión oficial, para o que se estableceu un sólido vínculo entre o goberno e as organizacións budistas. En 1170, os oficiais militares subleváronse, dirixidos polo xeneral Ch’oe Ch’un-hon, que situou a súa familia no poder, aínda que conservou a dinastía Koryŏ no trono. Os coreanos ofrecéronlles unha forte resistencia ás tropas invasoras mongolas (1231), dirixidas polos militares, pero foron derrotados, feito que supuxo a fin do goberno militar dende a sombra. En 1259, o Rei Wônjong asinou un tratado de paz cos invasores mongois e casou cunha princesa mongola, compromiso que fortaleceu a unión entre os dous estados e que lle serviu de exemplo á aristocracia local. O poder dos mongois declinou rapidamente por mor das disputas internas para facerse co trono. No decenio posterior a 1340, as frecuentes rebelións remataron por expulsalos de China e Corea. O novo monarca coreano Kongmin (1351-1374), aínda que liberado do dominio mongol, tivo que enfrontarse aos aristócratas e militares promongois, situados nos postos de poder e acaparadores das terras de labor. Mentres os piratas xaponeses atacaban repetidamente as costas e as cidades, medraron as tensións e os enfrontamentos entre budistas e confucianos.
A dinastía Chosŏn (1392-1910)
No ano 1389 o xeneral Li Sông-gye depuxo o Rei Chang e promoveu ao trono a Gongyang, quen abdicou no 1392. O 27 de marzo de 1393, Li Song-gye, coñecido como T’aejo, accedeu ao trono e inaugurou a nova dinastía Chosŏn ou Li. Trala pacificación da fronteira do N, os territorios situados baixo a súa soberanía pasaron a coñecerse co nome de Chosŏn; ademais, estableceu a capital na cidade de Seúl, fundada en 1394, e someteuse á soberanía do estado chinés da dinastía dos Ming, que lexitimou a nova dinastía. O confucianismo proporcionou a base ideolóxica do goberno da dinastía Chosŏn e permitiu a construción dunha identidade cultural propia, como demostra a creación do alfabeto coreano durante o goberno do Rei Sejong (1446). Durante a dinastía Chosŏn, a poboación dividiuse en catro clases: o grupo aristocrático denominado yangban, constituído por oficiais civís e militares dedicados ao estudo das doutrinas neoconfucianas; os chungin, conxunto de profesionais formado por médicos, adiviños e avogados; e os sangin, integrado por campesiños, comerciantes e artesáns que constituían a maior parte da poboación. Existía, ademais, outro grupo de poboación no que se incluían os escravos e a poboación itinerante, denominado ch’ônin. Durante o goberno do Rei Sejong (1397-1450) realizáronse diversas reformas: o Estado dividiuse en oito provincias dirixidas por xefes da administración designados polo goberno central, e, ao mesmo tempo, os membros do Consello de Estado realizaron a codificación das leis e da alta administración. En 1592 enfrontáronse coas agresións dos xaponeses dirixidos por Toyotomi Hideyosi, que conquistaron a maior parte da península ata que foron rexeitados no 1598 coa axuda dos chineses. Os nómades manchús invadiron a zona N do Reino de Corea (1627) e, trala conquista de Seúl no 1636, Corea converteuse nun estado vasalo da nova dinastía manchú asentada en China dende 1644, os Qing. Dende a segunda metade do s XVII a sociedade coreana experimentou importantes transformacións, como consecuencia das melloras nos sistemas de regadío e dos novos cultivos, como o tabaco e o gingseng, que permitiron un aumento dos intercambios internos e do comercio exterior. A nivel ideolóxico, Corea experimentou radicais transformacións: apareceu unha tendencia aos estudios de orde pragmática, coñecida como shirak, entre os funcionarios e os mestres, que lle pedían ao goberno reformas na distribución da terra e no desenvolvemento industrial. Ao mesmo tempo, aumentaron os contactos cos mercadores e cos sacerdotes occidentais, que permitiron a introdución do catolicismo. No s XVIII as revoltas campesiñas foron constantes, favorecidas pola corrupción administrativa que permitía a ocupación das terras públicas pola nobreza, polo que evitaban pagar os impostos mentres recaía o peso das contribucións nos campesiños. Os monarcas Yongjo (1724-1776) e o seu sucesor Chonjo (1776-1800) emprenderon unha campaña de limpeza da corrupta administración, acompañada de numerosas obras públicas, e tentaron equilibrar o sistema de impostos que esmagaba o pobo. A extensión do catolicismo entre as masas populares foi moi rápida, pero a incompatibilidade co confucianismo orixinou numerosas persecucións, sobre todo en 1801, 1839 e 1866. Durante o s XIX producíronse diversos intentos por parte dos occidentais e dos xaponeses para entrar no país. A finais do s XIX asináronse tratados de comercio e amizade con Xapón (1876), EE UU, Inglaterra, Alemaña, Italia, Rusia e Francia, no período comprendido entre 1882 e 1886. A influencia de Xapón en Corea fíxose notar a partir da vitoria da guerra chino-xaponesa (1894-1895). Trala guerra ruso-xaponesa (1904-1905), Xapón ocupou Corea, que foi anexionada dun xeito definitivo no 1910 e que supuxo a fin da dinastía Chosŏn ou Li.
A ocupación xaponesa (1910-1945)
Para consolidar o seu dominio en Corea, Xapón iniciou unha campaña de eliminación dos líderes nacionalistas (1910-1918) e favoreceu a inmigración de agricultores e pescadores xaponeses; así mesmo, creouse a infraestrutura necesaria para a explotación deste territorio como provedor de materias primas e man de obra barata. Á parte, as autoridades xaponesas impuxeron cambios administrativos profundos e asumiron as relacións exteriores. En 1919 os dirixentes coreanos no exilio, baixo a presidencia de Syngman Rhee, constituíron en Xangai o primeiro goberno coreano no exilio. Fronte a esta situación, os xaponeses iniciaron unha dura represión dos movementos populares a prol da independencia do país e fomentaron unha política de aniquilamento cultural, que incluía a prohibición do uso público da lingua coreana e da práctica das tradicións populares. En 1925 fundouse o Partido Comunista coreano e dende 1934 os guerrilleiros comunistas, dirixidos por Kim Il-sung, comezaron unha campaña contra os xaponeses na que contaron co apoio da URSS. Así mesmo, na década de 1930, a rexión do N de Corea acadou un notable desenvolvemento industrial que forneceu a expansión militar xaponesa. Durante a Segunda Guerra Mundial formouse un exército coreano que loitou a carón dos chineses contra os xaponeses. Eses feitos propiciaron que as conferencias do Cairo (1943) e de Postdam (1945) establecesen a futura independencia de Corea; sen embargo, en agosto de 1945 os EE UU e a URSS decidiron ocupar respectivamente as zonas do sur e do norte de Corea, co paralelo 38° como liña divisoria. Polo Acordo de Moscova (27.12.1945), asinado entre EE UU, a URSS e o Reino Unido, establecéronse as liñas básicas para administrar dun xeito conxunto o país e para a futura creación dun estado independente. A loita de intereses entre os EE UU e a URSS, incrementada pola Guerra Fría, impediu a creación dunha nación unificada e orixinou dous estados diferentes: a República de Corea, ou Corea do Sur, e a República Democrática Popular de Corea, ou Corea do Norte, establecidas en agosto e setembro de 1948, respectivamente.