Corea, República de

Corea, República de
Nome científico: [nome oficial coreano: Taeham-Min’guk]

Ou Corea do Sur Estado de Asia Oriental que ocupa a parte meridional da península de Corea, limita ao N, pola liña de demarcación establecida ao redor do paralelo 38°, coa República Democrática Popular de Corea (99.263 km2; 46.109.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 38° e os 33° de latitude N e os 126° e 132° de lonxitude L. A capital é Seúl.
Xeografía física

Relevo, hidrografía e climatoloxía
O relevo é accidentado no sector oriental e central, cunha cadea montañosa principal, en dirección NS, paralela á costa. No sector occidental hai numerosas illas, entre as que sobresae a de Cheju, coa máxima altitude do país, o monte Hallan-san (1.950 m). Os ríos máis importantes son o Naktong e o Han, pero tamén destacan o Yōngsan e Punkhan. O clima é continental, con invernos fríos e secos e veráns cálidos e chuviosos. A precipitación media anual é de 1.400 mm, e concéntrase, sobre todo, nos meses de xuño e agosto. A costa meridional padece no verán furacáns, fortes ventos e precipitacións. A vexetación ten características subtropicais; destaca, especialmente, o monte de bambús, aínda que a intensa presión por parte do home motivou unha diminución da súa extensión a prol dos cultivos.
Xeografía económica

Economía
Tradicionalmente, os grandes conglomerados industriais, Samsung e Hyundai, dominan a economía coreana. Estas grandes empresas foron obxecto dunha reforma lexislativa, xa que se pensaba que impedían a libre competencia. Os plans quinquenais que comezaron en 1962, concentráronse no desenvolvemento industrial. O primeiro (1962-1966) propuxo un ritmo de crecemento global moi forte, acadado grazas á axuda da ONU; o segundo (1967-1971) mantivo o ritmo; ao terceiro (1972-1976) afectoulle a crise mundial do petróleo, ante a que reaccionou dun xeito máis desenvolto ca os estados europeos, para poder manter o ritmo de crecemento anterior. O Estado continuou protexendo o mercado, facilitando máis a entrada de capital estranxeiro. Durante o cuarto plan (1977-1981) o ritmo rompeuse. Gracias ás reformas realizadas polo goberno entre 1997-1998, en acordo co FMI (Fondo Monetario Internacional), a súa economía puido acadar unha maior flexibilidade e transparencia; o país abriuse aos investimentos estranxeiros, modernizou o mercado financeiro e formou unha comisión para as operacións bursátiles. A débeda externa en 1997 era de 143.370.000 $ USA, cunha axuda do exterior de 58.000.000 $ USA (1995). O consumo interno e a demanda empresarial permitiron superar a crise financeira de 1997, co que se rexistrou un crecemento do PIB do 10% en 1999 e dun 12,8% no 2000. As axudas económicas, especialmente de EE UU e Xapón, foron vitais para o seu desenvolvemento. Actualmente é un dos doce maiores estados comerciais do mundo. A inflación en 1998 era do 7,5%, cun PIB por habitante de 10.220 $ USA no mesmo ano. A poboación activa chega aos 23.005.000 (1998), dos que o 41% son homes. O desemprego alcanza o 6,7% da poboación (1998). A moeda oficial é o won surcoreano.
Recursos e sectores de actividade
O sector primario é o predominante tradicionalmente. Despois da Segunda Guerra Mundial leváronse a cabo programas de distribución de terras. As técnicas agrícolas evolucionaron xunto á aparición de novas industrias, ao mesmo tempo que a poboación activa na agricultura diminuía. A agricultura, de tipo intensivo e con pequenas explotacións, ten como principal cultivo o arroz. Tamén son importantes as sandías, as árbores froiteiras (peras e mandarinas), os tomates e as patacas. Desde finais de 1960, Corea do Sur converteuse nun dos estados máis importantes no sector pesqueiro, cunha moderna flota que alcanzaba as 2.417 embarcacións (1999). A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, a República de Corea mellorou en termos absolutos a súa posición no sector atlántico centroriental e no pacífico noroccidental, feito que lle permitiu un incremento da súa produción. Corea do Sur ocupou en 1995 o noveno posto mundial en canto a produción (1.688.387 t que supoñen o 2,57% do total mundial). Os portos de Ulsan e Masan desenvolvéronse como base da pesca de altura e contan con plantas procesadoras de peixe. O desenvolvemento industrial concentrouse nas industrias lixeiras, principalmente téxtiles e alimentarias. Non obstante , desde 1970 afianzouse rapidamente a industria pesada para diminuír as importacións gracias, en parte, aos investimentos estranxeiros atraídos polas facilidades fiscais, crediticias e laborais. Destacan a siderurxia, a química de base, a fabricación de materiais de construción e a construción naval. Pouco a pouco foi cobrando maior importancia a fabricación de produtos químicos e fertilizantes. Outras industrias destacadas son as que producen automóbiles, equipos eléctricos e electrónicos, ferro, aceiro e cemento. A madeira e a explotación dos bosques teñen menos importancia. Entre os xacementos minerais destacan os de antracita e hulla. A enerxía eléctrica procede principalmente do petróleo importado e do carbón, así como a que se consegue grazas ás centrais nucleares.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un signo positivo. O valor das exportacións de bens e servicios acadou en 1998 os 154.740.000 $ USA, dos que o 66,9% corresponden a produtos manufacturados. Pola súa parte, as importacións no mesmo ano chegaron aos 112.250.000 $ USA, dos que o 92,4% son produtos manufacturados. Os principais países cos que mantén relacións comerciais son Xapón, EE UU, Alemaña e Canadá.
Transportes e comunicacións
O transporte por estrada supera en importancia o ferrocarril. En 1997 Corea tiña 84.968 km de estradas, dos que 62.876 están asfaltados. Dispón de 6.580 km de vías férreas, das que 560 están electrificadas (1995). En canto ao transporte marítimo, dispón dunha mariña mercante formada por 2.417 unidades (1999). Os principais portos son Pusan, Inch’ōn e Kunsan.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación é escaso (1% [1993-1998]) debido ao baixo índice de natalidade (14,5‰ [1997]), motivado pola política do goberno para reducir a poboación dende os anos sesenta. A mortalidade sitúase no 5,3% (1997) e a mortalidade infantil no 9% no mesmo ano. A esperanza de vida é de 70 anos para os homes e 77 para as mulleres (1997).
Poboamento
A poboación é eminentemente urbana (83,5% [1997]). Ten unha das maiores densidades de poboación do mundo con 468 h/km2. As áreas máis poboadas son as da costa meridional e oriental. Sufriu unha forte emigración de poboación cara a Xapón e EE UU. Os principais núcleos de poboación ademais da capital son: Inch’ōn (2.307.618 h [1995]), Pusan (3.813.814 h [1995]), Chōnju (563.153 h [1995]) e Taegu (2.449.139 h [1995]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica, cultura e ensino
Corea é un dos países con maior homoxeneidade étnica do mundo. No país non hai minorías linguísticas nin raciais. O ensino primario é obrigatorio e gratuíto entre os 6 e os 12 anos. O ensino secundario dura 6 anos, divididos en 3 de escola media e 3 de escola secundaria. A lingua oficial é o coreano. As relixións principales son a budista (23,3%), a protestante (20%), a católica (6,7%) e o confucianismo (0,4%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República de Corea entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 31° posto cun índice do 0,854). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 97,5%; o índice bruto de escolaridade é do 90%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 13.478 $ USA.
Goberno e política
Dende 1910 estivo baixo soberanía xaponesa e, ao finalizar a Segunda Guerra Mundial (1945), foi ocupada polos EE UU. Acadou a súa independencia o 25 de agosto de 1948. Dende 1948 aprobáronse varias constitucións, a última foi adoptada o 25 de febreiro de 1988 e estableceu unha república de tipo presidencialista. O poder executivo corresponde ao presidente da República, elixido para un período de 5 anos por sufraxio universal directo; o primeiro ministro, nomeado polo presidente tralas eleccións lexislativas; e o Consello de Ministros, elixido polo presidente a partir dunha lista elaborada polo primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle á Huk Hoe (‘Asemblea Nacional’), composta por 273 membros elixidos para un período de 4 anos, dos que 227 son elixidos por circunscricións electorais e 46 por representación proporcional. O sistema xudicial está baseado nunha combinación entre o dereito europeo, o dereito anglosaxón e o pensamento clásico chinés. O máximo tribunal de xustiza é a Corte Suprema, constituída por maxistrados designados polo presidente da República e ratificados pola Asemblea Nacional. Está en vigor a pena de morte, aínda que dende o ano 1998 non se consuma ningunha execución e no ano 2000 presentouse na Asemblea Nacional un proxecto de lei para a súa abolición. Segundo informes elaborados por Amnistía Internacional, a aprobación da Lei de Seguridade Nacional e o xeito en que se aplica, deron lugar á existencia de preto de 400 presos políticos, dos que no 2000 aínda permanecían retidos 99 (29 deles sindicalistas). A maioría dos presos políticos participaron en mobilizacións sindicais, pertencían a organizacións de esquerdas, eran obxectores de conciencia ou difundían a idea de estreitar relacións co “inimigo” (Corea do Norte). Ademais, segundo diversos informes, moitas desas persoas foron sistematicamente torturadas. Así mesmo, a Lei de Vixilancia Social atenta contra a liberdade das persoas en tanto que legaliza a vixilancia e control dos presos políticos trala súa liberación. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; e Convención sobre os Dereitos do Neno. Así mesmo, no ano 2000 asinou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de menores nos conflitos armados. Os partidos políticos máis importantes son: Minju Dang (MD, Partido Democrático do Milenio), nome que no ano 2000 tomou o Sae Jungchi Kukmin Hoiee (SJKH, Congreso Nacional para unha Nova Política), partido de carácter centrista liberal liderado por Kim Dae-jung, presidente da República dende 1998. Jayu Minju Yonmaeng (JMY, Unión Democrática Liberal), conservador; liderado por Kim Jong-Pil, participa no goberno e a el pertence o primeiro ministro Lee Han Dong. O principal partido da oposición, maioritario na Asemblea Nacional, é o conservador Hannara Dang (HD, Gran Partido Nacional), liderado por Lee Hoi-chang. Administrativamente, o país divídese en 9 provincias (do) e 6 cidades (gwangyoksi) especiais (Inch’on, Kwangju, Pusan, Seúl, Taegu e Taejon). Mantén un litixio internacional con Xapón debido a que este país lle reclama as Rochas Liancourt e con Corea do Norte pola liña de demarcación ao redor do paralelo 38°. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Cooperación Económica Asio-Pacífica (APEC), ONU e Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE).
Historia
O 15 de agosto de 1945, finalizada a Segunda Guerra Mundial, os EE UU ocuparon os territorios peninsulares situados ao S da liña de demarcación establecida ao redor do paralelo 38° N e estableceron un goberno militar (12.9.1945); este goberno ignorou a existencia dun Consello Provisional para a Reconstrución da Nación (15.8.1945), que xa proclamara a República Popular de Corea o 6 de setembro de 1945, e suprimiuno o 12 de decembro de 1945. En 1946, logo do fracaso da Conferencia de Seúl entre EE UU e a URSS para tratar a posibilidade do establecemento dun goberno único, convocáronse unhas eleccións lexislativas supervisadas pola ONU e boicoteadas polos partidos de esquerdas. Logo dun período de interinidade (12.12.1946-20.5.1948), a nova Asemblea quedou constituída o 31 de maio de 1948.
Os gobernos de Syngman Rhee e a II República
O 15 de agosto de 1948 constituíuse a República de Corea, con capital en Seúl, e Syngman Rhee, antigo presidente da Asemblea de Corea, foi elixido primeiro presidente da nova República, despois dunhas eleccións supervisadas pola ONU e boicoteadas polos partidos de esquerdas. Rhee promulgou unha Constitución que, acompañada da represión sobre os grupos opositores, asegurou a súa permanencia no poder durante máis de dez anos. As tropas estranxeiras abandonaron o país en 1949, aínda que permaneceu un pequeno continxente norteamericano. En xuño de 1950, logo dun ataque das tropas norcoreanas sobre Corea do Sur, iniciouse a Guerra de Corea (1950-1953). Tralo armisticio de P’anmunjŏm (1953), o goberno de Syngman Rhee, reelixido en 1952, promoveu a sinatura dun pacto de defensa cos EE UU. Durante os anos da posguerra, o goberno de Seúl fixo fronte a unha crise provocada pola chegada de numerosos refuxiados procedentes de Corea do Norte e emprendeu un labor de reconstrución do país coa axuda norteamericana. Rhee resultou reelixido en 1952, 1956 e 1960 (despois de que o candidato da oposición falecera uns días antes); durante os seus gobernos reprimiu os intentos de sublevación promovidos dende Corea do Norte e levou a cabo unha redistribución das terras financiada polos EE UU, pero limitou as liberdades políticas do seu país. A fraude nas eleccións presidenciais de 1960 orixinou unha protesta nacional que o obrigou a dimitir (27.4.1960), e foi substituído por Huh Chung Tok ata a convocatoria dunhas novas eleccións.
A ditadura de Park Chung-Hee
Nos novos comicios foi elixido presidente Po Sun Yun, do Partido Democrático (PRD) e John M. Chang, tamén do PRD, foi designado primeiro ministro e xefe do goberno o 13 de agosto de 1960. Nese momento proclamouse unha nova Constitución na que as liberdades políticas continuaban limitadas como defensa contra os movementos comunistas alentados dende a República veciña. A partir de aí, J. M. Chang emprendeu unha campaña de reformas económicas para limitar o gasto, pero os resultados acadados foron mínimos. Ademais, tivo que enfrontarse tamén á inestabilidade política e á axitación popular, orixinadas polos movementos estudiantís, mentres a economía continuaba en crise. O 16 de maio de 1961 produciuse un golpe de Estado dirixido por unha xunta militar presidida polo xeneral Chan Yung. En xullo, o xeneral Park Chung-hee asumía o poder e instauraba un réxime autoritario. Nas eleccións presidenciais de 1963, Park Chung-hee impúxose por unha estreita marxe e proclamou a III República (17.12.1963). Decretou a lei marcial como resposta ás protestas contra as supostas fraudes e militarizou a vida política do país. Acadou a reelección de xeito fraudulento nos comicios de 1967, 1971 e 1972. Emprendeu reformas económicas, co asesoramento dos técnicos occidentais, que favoreceron a industralización de Corea do Sur a cambio da limitación do dereito de folga e da negociación colectiva, ademais de ampliar as xornadas laborais. O país acadou unha economía industrial saneada grazas aos investimentos de capital xaponés, pero con baixos salarios e coa pobreza dos agricultores do interior. Park aprobou unha nova Constitución en 1972 pola que establecía a IV República e na que ampliaba os poderes presidenciais e sancionaba a súa permanencia no cargo de xeito indefinido. Park Chung-hee foi asasinado polo director da Axencia Central de Intelixencia surcoreana Kim Jae Kiu (1979) e sucedeuno o primeiro ministro Choi Kyu-Hah.
A nova ditadura de Chun Doo-hwan
O xeneral Chun Doo-hwan fíxose co poder en 1980, reimplantou a lei marcial en maio dese ano e detivo o líder da oposición Kim Dae-jung. As protestas polas detencións de políticos da oposición orixinaron unha resposta desmedida dos militares, que tomaron de novo o poder. Chun Doo-hwan emprendeu entón unha campaña de depuración nos eidos da política, a prensa e a administración. En 1981 tentou lexitimar o seu goberno e despois de legalizar diversos partidos políticos e decretar unha amnistía, convocou uns comicios presidenciais dos que saíu gañador. En abril dese ano aprobouse unha nova Constitución que conservou numerosos elementos da anterior, aínda que definiu a existencia dun único mandato presidencial cunha duración de sete anos e que deu orixe á V República. Durante o seu réxime a oposición aumentou e, ante o temor ás represalias da comunidade internacional, introduciu reformas, como a limitación da censura, que contribuíron a mellorar a imaxe exterior do réxime. Ao mesmo tempo, as relacións entre ambas as dúas Coreas entraron nunha etapa de incipiente apertura dende mediados da década dos oitenta. As reclamacións dos traballadores esixindo o dereito a sindicarse e as protestas pola dureza das condicións laborais (1987), unidas ás presións dos movementos estudiantís, levaron á dimisión de Chun Doo-hwan en xullo de 1987. Foi substituído á fronte do partido polo seu colaborador Roh Tae-Woo, quen, preocupado pola imaxe internacional, permitiu unhas eleccións libres o 16 decembro de 1987. Malia que os grupos opositores recibiron a maioría dos votos, o seu fraccionamento permitiu que Roh Tae-Woo, líder do gobernamental Partido da Xustiza e Democracia, accedese de novo á presidencia.
A recuperación da democracia
Dende febreiro de 1988, e baixo a presidencia de Roh Tae-Woo, entrou en vigor unha nova Constitución, aprobada en referendo pola maioría da poboación, coa que se establecía o comezo da VI República. Despois das primeiras eleccións parlamentarias libres (1988), Roh constituíu o Jayu Minju Yonmaeng (JMY, Unión Democrática Liberal) en 1990, como resultado da fusión do Partido da Xustiza e Democracia con algúns dos grupos opositores. O presidente Roh Tae-Woo emprendeu un conxunto de reformas e revisións das normas non democráticas e devolveulles os seus dereitos civís ás persoas detidas por cargos políticos. No 1990 o seu goberno emprendeu unha ofensiva na que detivo a numerosos líderes dos activos sindicatos independentes, feito que orixinou protestas e unha importante caída da economía. Nas eleccións locais de marzo de 1991, malia as protestas dos estudiantes, o JMY acadou a maior parte dos postos; sen embargo, a dureza da represión provocou a dimisión do primeiro ministro Roh Jai Bong (22.5.1991). O presidente Roh favoreceu o diálogo entre ambas as dúas repúblicas, na procura da reunificación, e conseguiu que fosen admitidas na ONU en setembro de 1991. En decembro dese mesmo ano asinaron un acordo de reconciliación, non agresión e colaboración. Nas eleccións de decembro de 1992 foi elixido novo presidente da República Kim Young-sam, que formou un goberno mixto e emprendeu unha campaña na que pretendía depurar a administración pública e o exército dos elementos corruptos e totalitarios, pero non puido evitar que os escándalos salpicasen o seu contorno e a diversos grupos da oposición. A procura da normalización política levouno a buscar responsabilidades nos gobernos do réxime anterior, o que motivou a detención dos ex-presidentes Chun Doo-hwan e Roh Tae-woo, acusados de participar no golpe de estado que levou ao poder o primeiro deles. O goberno do presidente Kim emprendeu tamén un conxunto de reformas económicas que buscaban captar investimentos estranxeiros e favorecer a economía interna. As relacións con Corea do Norte -que acadaran un certo equilibrio trala morte do líder norcoreano Kim Il-sung (8.3.1994) e o acordo asinado entre os norcoreanos e os EE UU, polo que Corea do Sur proporcionaría tecnoloxía aos seus veciños- entraron nunha nova crise cos movementos de tropas norcoreanas na fronteira no 1996.
O goberno de Kim Dae-jung: da crise económica á reconciliación da nación coreana
A profunda crise económica que afectou a Asia oriental provocou a caída do seu modelo de desenvolvemento interno e a fraude do sistema bancario. A crise tivo tamén consecuencias políticas, xa que provocou a derrota de Kim Young-Sam, fronte a Kim Dae-jung, candidato do Sae Jungchi Kukmin Hoiee (SJKH, Congreso Nacional para unha Nova Política) e aliado co partido JMY, liderado por Kim Jong-Pil. O presidente Kim Dae-jung tentou realizar unha reforma constitucional para instaurar un réxime parlamentario e transmitir parte dos seus poderes ao primeiro ministro, pero fracasou polo bloqueo político que sufriu no Parlamento. Malia os numerosos conflitos cos traballadores e empresarios, os éxitos da súa política económica permitiron a recuperación da industria durante 1998 e 1999. O diálogo con Corea do N, que se mantiña bloqueado dende 1996, experimentou unha certa liberación despois da política de contactos e achegamentos emprendida polo presidente Kim Dae-jung con todas as nacións implicadas nesta situación: EE UU, Xapón, China e Rusia. Nas eleccións lexislativas do 13 de abril do ano 2000, o partido conservador Hannara Dang (HD, Gran Partido Nacional) acadou a maioría dos votos e o Minju Dang (MD, Partido Democrático do Milenio), froito da transformación do CNNP, conseguiu a segunda posición. O 13 de outubro de 2000 o presidente de Corea do Sur, Kim Dae-jung, recibiu o Premio Nobel da Paz polo seu traballo en favor da reunificación das dúas Coreas. En marzo de 2001 o presidente Kim Dae-jung emprendeu unha remodelación do seu goberno para facilitar as medidas de achegamento e reconciliación con Corea do Norte e, ao mesmo tempo, recuperar a popularidade perdida polas irregularidades económicas.