corégono
(< lat científico Coregonus)
Peixe de auga doce do xénero Coregonus, da familia dos salmónidos. De corpo alongado e comprimido, posúe escamas grandes e arxénteas, o dorso máis escuro, a boca pequena con dentes pequenos e pouco numerosos, a primeira aleta dorsal con dezaseis radios, a segunda aleta dorsal adiposa e a aleta caudal gallada. Aliméntase, principalmente, de crustáceos e plancto. Os corégonos son gregarios e forman grandes bancos; no momento da reprodución, desprázanse ás cabeceiras dos ríos para realizar a freza. Habitan nos mares boreais, nos ríos e nos lagos do norte de Europa, Asia e Norteamérica. Debido ao illamento xenético das distintas poboacións, principalmente no caso dos lagos, o xénero presenta unha gran diversidade de especies e subespecies. Consómese fresco ou afumado.