Cores Trasmonte, Baldomero
Politólogo, sociólogo e xornalista. Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e graduado pola Escola Social, estudou Ciencias Políticas na Universidad Complutense de Madrid. Foi profesor nas escolas Social e de Enseñanza Social e na facultades de Dereito e Ciencias Políticas de Santiago de Compostela, na facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciales da Universidad Central de Madrid e na facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense. Exerceu como catedrático de Socioloxía no Recinto Universitario de Mayaguez, en Puerto Rico (1968-1982).
Letrado do Parlamento de Galicia (1983-1995), contribuíu á formación de numerosas leis, entre as que destaca a Lei de Dereito Civil de Galicia da que escribiu o prólogo. No eido do xornalismo, foi redactor e delegado en Santiago de Compostela de La Voz de Galicia (1959-1967) e colaborou en El Correo Gallego, La Noche (1967-1968), Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego e, dende 1995, en O Correo Galego. Os seus estudos centráronse nos eidos da historia, da socioloxía e do dereito, e participou en numerosos congresos e xuntanzas científicas.
No eido da socioloxía, realizou os primeiros estudos de campo no barrio de Santa Marta, en Santiago de Compostela, e o no do Areal, en Vigo, cidade onde realizou cursos de socioloxía urbana. Colaborou, entre outras publicacións, en Cuadernos de Estudios Gallegos, Revista de Letras, Atenea, FEGAMP e Estudios de historia social, no Dicionario de Ciencias Sociales da UNESCO e na Introdución a las Ciencias Sociales. Entre as súas obras, destacan O Corroncho de David (1961), Sociología rural de Galicia (1973), Sociología política de Galicia (1976), El Estatuto de Galicia: Actas y documentos (1976), La devolución de Galicia (1977), O libro negro da Galicia electoral (1978), La sociofilatelia en Galicia (1978), El drama de la capitalidad de Galicia (1981), Los símbolos gallegos (1983), Dereito autonómico en Galicia (1987), Ciencia e galeguidade na II República (1989), Teoría política e comunicación social (1993), Estrutura política de Galicia (1994), A constitución da galeguidade (1995), Os senadores da Universidade de Santiago (1998) e Santiago de Compostela. A gran panorámica (2000). Entre outros, recibiu o Premio Ramón Mourente (1959 e 1962), o premio do Centro Galego de Madrid (1959), o Premio Galicia de Comunicación (1988) e o Premio Galicia e Gallaecia Fulget (1996).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cee -
Falecemento
Lugar : SANTIAGO DE COMPOSTELA