Corfú

Corfú

Illa do Mar Xónico que constitúe un nomós das Illas Xónicas, Grecia (641 km2; 107.592 h [1991]). A capital é Corfú. Os seus recursos económicos son a agricultura (oliveiras, cítricos e figos) e a industria, principalmente a fabricación de papel, xabón e artesanía téxtil. Tamén é un destacado centro turístico. Coñecida como Corcira na Antigüidade, foi colonia de Eretria e despois de Corinto (733 a C), coa que mantivo diversas loitas; a axuda de Atenas a Corcira foi unha das causas da Guerra do Peloponeso. No s V a C desenvolveuse un enfrontamento entre partidarios da oligarquía e demócratas que describiu Tucídides. Foi base naval romana e pertenceu ao Imperio Bizantino ata 1084, data na que foi conquistada polos normandos. Expulsados estes polos venecianos, volveu pertencer a Bizancio, pero foi novamente ocupada polos normandos (1147-1148). Posteriormente, pertenceu a Venecia (1206), ao déspota de Epiro (1214) e a Manfredo de Sicilia (1259); á súa morte, incorporouse aos dominios anxevinos (1266). Baixo o poder veneciano (1386-1797), cercárona os turcos en 1538 e entre 1716 e 1718. Polo Tratado de Campoformio (1797) pasou a mans da República Francesa, aínda que pouco tempo despois foi ocupada por un exército ruso-turco e en 1807 retornou a Francia. Entre 1815 e 1864, data na que foi cedida a Grecia, permaneceu en poder do Reino Unido, país que lle outorgou unha certa autonomía. Durante a Primeira Guerra Mundial converteuse en refuxio do goberno serbio e sede do Pacto de Corfú (1917) entre serbios, croatas, eslovenos e montenegrinos. Na Segunda Guerra Mundial foi ocupada por tropas italianas en 1941 e liberada por tropas inglesas e gregas en 1944. Do seu patrimonio cultural destacan as ruínas de Paleopolis, cidade onde tamén se conservan restos dunha basílica bizantina, a vila romana de Benitses, a fortaleza de orixe bizantina e o palacio de Achilleion (s XIX). Destacan, entre outros, o Museo Arqueolóxico de Corfú, o Museo de Arte Asiática e o museo bizantino da igrexa de Panaghia Antivouniotissa.