Corinto
Capital do nomós de Corintia, no Peloponeso, Grecia, situada no extremo occidental do canal homónimo (22.658 h [1981]). É un importante centro comercial de cereais, aceites e sedas. A actual cidade sitúase a pouca distancia ao NL da cidade orixinaria, unha das máis destacadas da Grecia antiga. Estivo sometida a Argos ata o s VIII a C tralas invasións dóricas. Cara ao ano 747 a C unha poderosa familia de armadores, os Baquíades, fíxose co poder e estableceu un réxime oligárquico. Baixo o goberno desta familia, a cidade enriqueceuse grazas á súa situación xeográfica como porta de entrada ao Peloponeso dende o N e paso marítimo a través do istmo. Fundou, entre outras, as colonias de Corcira, Acarnania na Calcídica, e Siracusa en Sicilia. Estableceu explotacións nas costas de Epiro e Iliria. Os Baquíades foron derrocados no 657 a C por Cipselo, quen estableceu unha tiranía continuada polo seu fillo Periandro. A política de expansión continuou co novo goberno, e fundaron Ambracia, Anactorio e Potidea. No 582 a C restableceuse a oligarquía, agora de carácter moderado, pero durante o s V a C a cidade perdeu parte do seu poderío en detrimento de Atenas. Debilitada polas guerras de Corcira (434 a C), do Peloponeso (431-404 a C) e de Corinto (434 a C), foi ocupada polos macedonios baixo o mando de Filipo II (338 a C). Incorporouse á Liga Aquea no 224 a C e foi arrasada polo exército romano ás ordes de Lucio Munmio no 146 a C. A cidade reconstruíuna Xulio César (44 a C); durante o Imperio mantivo unha importante actividade económica e foi capital da provincia romana de Acaia. Despois da caída do Imperio Romano, Corinto soportou numerosas invasións, entre elas as dos godos, os bizantinos, os francos e os venecianos. A situación non mellorou durante a ocupación turca (1448-1821). Independizada dos turcos, a cidade sufriu dous terremotos que a destruíron en 1858 e 1928. A acrópole, Acrocorintio, foi arrasada polas construcións medievais. Do antigo santuario de Afrodita, un dos poucos templos de Grecia onde se practicaba a prostitución sagrada, non se conservan restos. O vestixio romano máis importante é o templo de Apolo (s V a C), dórico e períptero. Consérvanse tamén as ruínas da ágora. Durante a Antigüidade foi un importante centro artístico especializado na escultura en bronce e na elaboración de cerámicas.