Cornielles de Holanda

Cornielles de Holanda

Escultor. Activo en Galicia entre 1520 e 1547, introduciu un estilo situado a medio camiño entre o gótico borgoñón e o primeiro Renacemento. En Castela traballaron outros dous escultores do mesmo nome. A súa presenza en Ourense está documentada en 1521, cando traballou no sepulcro de Gutierre de Sandoval na igrexa de San Francisco, aínda que previamente xa traballara no retablo maior (1516-1521) da catedral ourensá. Atribúenselle tamén, a el ou ao seu obradoiro, o retablo de San Pedro de Moreiras e a imaxe de santa Lucía do museo da catedral de Ourense. Ademais puido dar a traza do retablo da colexiata de Xunqueira de Ambía. En 1524 chamárono a Santiago de Compostela para realizar un retablo para o Hospital Real. O seu estilo evolucionou entón fusionando o naturalismo borgoñón co decorativismo plateresco. Entre as obras compostelás que se lle atribúen destacan o retablo, do que se conserva na capela da Prima da catedral unha imaxe da Virxe co Neno e o sepulcro do cóengo Antonio Rodríguez (1526); unhas cadeiras para o coro do convento de Santa Clara (1533); e o retablo perdido da capela de Alba na catedral. Durante o tempo que estivo en Santiago de Compostela realizou tamén obras para outras vilas, como as seis imaxes de nogueira feitas para o mosteiro de San Miguel de Eire (1533) ou o retablo maior da catedral de Lugo, situado posteriormente no cruceiro. En 1538 comezou a traballar en Pontevedra no retablo da igrexa de Santa Clara. Realizou a fachada de Santa María a Maior de Pontevedra onde traballou en 1541 co canteiro portugúes João Noble, obra que rematou en 1557.