coro
(< lat chorus < gr÷ïñüò)
-
Forma prefixada de orixe grega que se emprega na formación de palabras co significado de ‘espacio de terra’, ‘lugar’, ‘localización’ ou ‘país’.
-
s
m
[ESPECT]
-
Grupo de actores, bailaríns e cantantes que constituían un dos elementos fundamentais do teatro grego. De orixe ritual, levaban máscaras e estaban asociados a rituais propiciatorios, de onde deriva o seu papel de representantes da colectividade. A súa aparición está ligada ás celebracións rituais da Grecia Antiga, nas que os participantes cantaban e bailaban espontaneamente. No curso das representacións, o coro situábase nun círculo que ocupaba o espazo existente entre o público e o escenario (orquestra); a primeira entrada na escena (párodo) efectuábase tralo prólogo e logo viñan os cantos situados entre os episodios (estásimos). A importancia do coro como elemento da acción dramática desapareceu a medida que se desenvolvía o teatro grego. Así, nas obras de Esquilo era moi frecuente a intervención do coro, nas que representaba unha forza específica que afectaba potencialmente os personaxes, ademais de comentar a acción e aclarar o seu significado moral; nas de Sófocles narraba de xeito privilexiado os acontecementos da escena; mentres que, a partir de Eurípides, se empregaba principalmente como nunha variedade lírica que se interpretaba nos entreactos, a miúdo desconectada da obra. Trala dramaturxia da Grecia clásica, agás en períodos de imitación directa como a traxedia romana, o coro reduciu e transformou as súas funcións: na Idade Media adquiriu un valor didáctico e cumpriu un papel de enlace entre os episodios; na comedia humanista cultivada no Renacemento reduciuse a un intermedio musical que servía de separación entre os actos. Nas obras de Shakespeare, a súa función encarnouse na figura dun actor, encargado de declamar o prólogo e o epílogo da peza. O teatro clásico francés renunciou, en boa medida, ao seu emprego e traspasou a súa función ao confidente e aos monólogos e soliloquios doutros personaxes, aínda que existen tentativas de recuperar o seu papel nas obras de Racine (Esther, 1689; Atalía, 1691) e E. Jodelle. Na literatura española tivo pouca importancia e limitouse a manifestacións puntuais no Século de Ouro e no neoclasicismo; as súas funcións asignáronselles ao confidente e ao “gracioso”, que interpretaban as opinións do público sobre a representación e mediaban entre o protagonista e os espectadores. Co romanticismo alemán recuperou a función que o definiu orixinariamente nas obras de Goethe e F. von Schiller. Nalgunhas obras de V. Hugo e A. de Musset, adscritas ao romanticismo francés, introduciuse o pobo como personaxe colectivo, análogo ao coro grego. O realismo e o naturalismo suprimiron toda presenza do coro para non atentar contra a verosimilitude da acción. Na dramaturxia contemporánea, o coro reapareceu nalgunhas pezas de J. Anouilh, B. Brecht, J. Giraudoux ou T. S. Elliot. No marco da literatura galega, a peza O incerto señor don Hamlet (1958), de Álvaro Cunqueiro, atribúe unha función metadramática a un coro formado por “xente, sombras e voces de Dinamarca”, segundo a que reflexiona sobre o papel que lle corresponde no teatro.
-
Fragmento que canta ou recita o coro.
-
Conxunto de persoas que bailan ou se moven ritmicamente.
-
-
s
m
[MÚS]
-
Conxunto de cantantes que executan á vez unha obra vocal, polo xeral constituído por un grupo de solistas (un intérprete para cada voz) e un coro (varios intérpretes para cada voz). En Occidente, a tradición coral ten as súas orixes nos primeiros cristiáns; tamén se documenta nos ss II e III a existencia de cantos feitos a partir de antífonas e respostas. Na Idade Media, os coros dos mosteiros e das igrexas estaban constituídos exclusivamente por homes e, ocasionalmente, por nenos, xa que por un precepto de san Paulo as mulleres tiñan prohibido cantar nas igrexas e só podían facelo nos conventos. No Renacemento, a música profana interpretábana solistas, agás contadas excepcións festivas, pero a música de carácter relixioso empezou a cantarse en coros. A finais do s XV e principios do s XVI, aumentou o número de coros. No período barroco constátase que no funeral de G. F. Händel en Londres en 1759 participaron tres coros e que a basílica de San Marcos de Venecia tiña un coro de, aproximadamente, 40 persoas. A finais do s XVIII e comezos do XIX, sobre todo nos países protestantes, desenvolveuse unha tradición coral na que aumentou o número de integrantes; documéntase que en 1773 actuou un coro en Viena cuns 400 membros. En 1794, un coro con 2.400 persoas aproximadamente, festexou en Francia o quinto aniversario da Revolución Francesa. No s XIX a ópera deulle máis importancia ao coro e numerosos compositores, como Verdi, introducírono nas súas obras; paralelamente, apareceron en Europa moitas agrupacións corais formadas por afeccionados, que asumiron unha función educativa e social, e desenvolveron a súa actividade en escolas, universidades, asociacións, igrexas, etc, cun repertorio que abrangue dende cancións populares ata a polifonía a capella do s XVI e obras vocais da música clásica e moderna. Xa no s XX, o apoxeo dos coros foi maior e, países de gran tradición coral como Alemaña ou o Reino Unido, conservan agrupacións corais históricas; á parte fundáronse coros de cámara que interpretan as pezas de xeito semellante ás orixinais de períodos musicais anteriores.
-
Composición musical destinada a ser cantada por un coro.
-
Grupo de instrumentos que colabora na execución dunha obra musical.
-
-
[RELIX]
-
s
m
Conxunto de cregos, relixiosos ou monxes que cantan xuntos o oficio divino.
-
s
m
Cada unha das dúas partes en que se divide a comunidade para cantar ou recitar as horas canónicas alternativamente.
-
libro de coro
Libro litúrxico, de gran formato, manuscrito ou impreso, que contén a música que canta o coro durante os oficios litúrxicos.
-
s
m
-
s
m
[ARQUIT]
Lugar da igrexa destinado aos cantores, onde se reza e se canta o oficio divino. Nas catacumbas indicaba o lugar situado diante do altar, reservado para os cantos sagrados. Nas primeiras basílicas situouse no cruceiro ou detrás do altar maior como en San Lorenzo Extramuros (Roma). As igrexas bizantinas situaron o coro no cruceiro, baixo a cúpula. Na Idade Media, os coros monásticos orixinaron a prolongación da nave entre o transepto e a ábsida, como sucedeu en Cluny e noutras igrexas francesas. A miúdo separábase da nave por medio dunha cancela e dende finais do Románico o coro pechábase con muros que se decoraban. En ocasións, hai unha serie de cadeiras nos presbiterios, que seguen a súa forma, pero que se diferencian do coro por ser estas o lugar reservado para os ministros da misa e do altar, mentres que o coro se reserva para os cantores, cóengos ou monxes, situado diante ou detrás do presbiterio. Nas igrexas non monásticas nin canonicais confúndense ambos termos. A planta máis empregada nos coros é a rectangular, pechada por tres dos seus lados, que tamén poden decorarse, e aberta pola fronte ao xeito de porta de acceso. Tamén existen coros de planta poligonal ou semicircular. No interior deste espazo acoutado sitúase o cadeirado que nunha catedral se divide en dous niveis: o inferior ou cadeirado baixo destínase aos cantores e aos beneficiados da catedral, o superior ou cadeirado alto, resérvase para os cóengos. Esta tipoloxía adoptouse tamén nalgúns coros monacais, como o coro vello de Celanova. A decoración situábase nos apoios das cadeiras, nos doseis que cubrían o cadeirado alto, e nas misericordias. Os primeiros coros decorábanse con motivos xeométricos e vexetais; logo engadíronselles imaxes de santos, apóstolos e outros personaxes bíblicos, e desenvolveron, finalmente, programas iconográficos completos. Dende a época barroca, a tribuna do órgano, situada nun piso alto ao comezo da nave, sobre a porta de entrada, serviu tamén para os cantores e recibiu o nome de coro alto, superior ou elevado. En España adoptouse a colocación do coro no centro da nave principal, pero a maioría deles teñen hoxe unha localización diferente. Entre os coros renacentistas destaca o da catedral de Toledo, o cadeirado alto obra do mestre Rodrigo e o baixo de Philippe Biguerny e Alonso Berruguete. Do Barroco destaca o coro da catedral de Córdoba e en Hispanoamérica os das catedrais de México e Lima. O coro máis antigo coñecido en Galicia é o coro pétreo realizado polo mestre Mateo na catedral de Santiago de Compostela cara ao 1200, aínda que debeu existir un primeiro coro obra dos anos iniciais do s XII. O coro do Mestre Mateo sufriu diversas modificacións na época do arcebispo Sanclemente que, finalmente, encargou en 1599 a construción dun coro de madeira a Juan Davila e Gregorio Español. Ao longo do s XX as distintas escavacións realizadas na catedral compostelá amosaron que moitas pezas pertencentes ao coro pétreo se reutilizaron noutras construcións catedralicias, como o claustro, a escalinata do Obradoiro ou a decoración da Porta Santa. En 1978, Ramón Otero Túñez e Ramón Izquierdo Perrín comezaron os estudios que permitiron a reconstrución deste coro en 1999 e a interpretación iconográfica do mesmo. Derrubado o coro de Mateo (1603-1604), o novo cadeirado finalizouse en 1606. O coro de madeira de Davila e Español situouse nun primeiro momento na nave central da catedral, pero despois desmontouse e trasladouse a San Martiño Pinario. O coro da catedral de Mondoñedo pertence aos primeiros anos do s XVI; da súa decoración destacan as pinturas dos muros de peche con escenas que representaban a matanza dos inocentes, santa Ana coa Virxe e o Neno e episodios da vida de san Pedro. Juan de Angés o Mozo e Diego de Solís (1587-1590) realizaron o coro da catedral de Ourense, cunha cadeira central presidida pola figura do Salvador. Francisco de Moure realizou a decoración do cadeirado do coro da catedral de Lugo (1621-1625), situada no centro da nave principal. En 1699 comezaron as obras do coro da catedral de Tui durante o mandato de frei Anselmo Gómez de la Torre. O cadeirado foi obra de Francisco Castro Canseco, quen relatou a vida e milagres de san Telmo nos seus relevos. Entre os coros conservados nos mosteiros galegos destacan os de San Salvador de Celanova e San Martiño Pinario. O coro vello do mosteiro de Celanova construíuse a finais do s XV: consta de cadeirado alto, co escudo dos Reis Católicos na cadeira central, e baixo, co escudo abacial do mosteiro. En 1713 Francisco Castro Canseco comezou a traballar no novo cadeirado do coro de Celanova, onde narrou as vidas de san Bieito e san Rosendo. O novo coro situouse na nave principal da igrexa monacal e o vello pasou ao coro alto. En 1639 encargóuselle a Mateo de Prado a realización do coro da igrexa de San Martiño Pinario. Situouse nun primeiro momento no coro alto da igrexa, pero despois trasladouse á parte posterior do altar. No cadeirado alto nárrase a vida da Virxe, e no baixo a de san Bieito acompañado de figuras de santos.
Frases feitas
-
A/En coro loc adv Varias persoas simultaneamente. Ex: Todos lle pediron a coro que se presentase ás probas de selección. Contestaron en coro as preguntas do profesor.