Coro de Cámara Sólo Voces

Coro de Cámara Sólo Voces
[MÚS]

Agrupación coral dirixida por Fernando Gómez Jácome, membro fundador do coro, baixo a presidencia de Carlos Latorre Díaz. Presentouse en Lugo en novembro de 1992. O seu repertorio inclúe autores contemporáneos, pezas de rock e música latinoamericana, con arranxos corais, e música sacra e profana de autores clásicos, tanto a capella como con acompañamento musical. Así mesmo, participa nos concertos de música sacra que organiza ininterrompidamente en Lugo dende 1994 co gallo da Semana Santa. Gran difusor da obra de Xoán Montes, no ano 2001 presentou a obra deste compositor Sete palabras de Cristo na cruz. Ó longo da súa traxectoria actuou en diversos certames corais e concertos en Galicia, Portugal, Madrid, Murcia e Salzburgo. Entre os seus galardóns destaca o I Premio no Certame galego de Corais (1995), o Premio de Interpretación no I Memorial Anselmo Iglesias (1996), o II Premio no XV Certamen Internacional de Corales Villa de Avilés (1998), o I Premio no III Certame de Corais de Galicia Vila de Marín (2000) e o Diploma de Ouro na modalidade de coros pequenos (de cámara) no Festival de Advento de Praga (2000). Da súa discografía destacan Cantares (2000), con arranxos corais de música moderna con temas sudamericanos e de diversos autores, como Serrat, Silvio Rodríguez, etc; Clásicos Galegos. Volume I (2000), con pezas de Xoán Montes e doutros autores lucenses; e no 2002 o traballo dedicado a Xoán Montes, que contén as obras Sete palabras de Cristo na cruz e Misa en honor a Santiago.