Coro Lembranzas de Ultreya

Coro Lembranzas de Ultreya
[MÚS]

Conxunto coral creado no ano 1932 en Bos Aires. A finais de 1936 pasou por unha etapa crítica que implicou cambios na directiva; foi nomeado presidente Victoriano Martínez e director da agrupación Isidro Maiztegui, e pasou a denominarse Agrupación Artística e Cultural Ultreya. Paralelamente, realizáronse actos culturais nos que se compaxinaban conferencias sobre a cultura galega e actuacións musicais que contaron coa activa participación de Emilio Pita. En 1939 tentouse sen éxito a fusión nunha soa sociedade do coro, baixo a presidencia de Ramón Rey Baltar, coa Casa de Galicia e co Grupo Galeguista. O resultado foi a retirada de diversos membros de Ultreya e do Grupo Galeguista, que constituíron a Irmandade Galega. Das súas actuacións destaca a realizada no Teatro Solís de Montevideo en 1934.