Corpiño, Nosa Señora do

Corpiño, Nosa Señora do

Santuario situado en Santa Baia de Losón (Lalín). Segundo conta a lenda, no s VIII viviu no monte Carrio un ermitán que lles falaba aos campesiños do lugar da grandeza e das bondades da Virxe. Cando o ermitán morreu, os veciños soterraron o seu corpo na ermida de Santo Adrián, onde acudían a venerar a Virxe e o corpo incorrupto do ermitán, que comezou a ser coñecido como corpo santo, designación da que deriva o seu nome. Trala razzia de Almanzor, desapareceu a ermida. No s XII, uns pastores refuxiáronse dunha tormenta nas ruínas da ermida onde, cegados por unha luz, viron a imaxe da Virxe co Neno e cun ramo de flores. Os veciños non creron os rapaces e estes regresaron á ermida, onde volveu aparecer a Virxe. O pobo acudiu o 24 de xuño en procesión á ermida, a Virxe apareceu por derradeira vez e comezaron a sucederse os milagres. Dende entón celébrase a romaría da Virxe do Corpiño os días 23 e 24 de xuño, á que acudían os devotos para curarse dos meigallos e das enfermidades mentais. Tralas aparicións construíuse unha capela en estilo románico que acolleu a imaxe da Virxe co Neno no brazo esquerdo e co ramo de flores no dereito. O santuario disputouse entre a parroquia de San Pedro de Losón, que reconstruíra a primitiva ermida, e a de Santa Baia de Losón, que edificou a nova igrexa. Dende 1693 o santuario pertence a Santa Baia, aínda que se abriu unha porta de acceso exclusiva para os veciños de San Pedro. En 1783 comezaron as obras do novo santuario sobre o lugar onde se construíra a capela do s XII. A partir de 1743 comezaron as obras da capela maior e do camarín da Virxe baixo o impulso do bispo de Lugo Cayetano Gil Taboada. Traballaron nas obras os mestres Paulo Solla, Francisco Constenla e Francisco Jozar. En 1733, o párroco Xoán Gil Taboada iniciou as obras de construción das capelas laterais. Trátase dun templo basilical de planta de cruz latina con capelas no cruceiro e nas naves laterais, que en 1867 transformou o sacerdote Luís Fondevilla ao crear tres naves de diferente ancho na cruz latina e abrir arcos nos muros laterais para acceder ás naves. Sobre o cruceiro eríxese unha cúpula poligonal e as naves cóbrense con bóveda de canón. Xunto á ábsida construíuse unha sancristía de dúas plantas. No exterior destacan catro cubos nas esquinas do edificio que servían de base ás torres que non chegaron a construírse. A ábsida adoita a forma dunha fachada con espadana que se une aos cubos por medio de dous aleróns. No interior destaca o retablo maior, obra de Cardama (1851). Realizado amodo de camarín da Virxe, a súa imaxe sitúase debaixo dun baldaquino circular formado por columnas lisas. Sobre a cornixa da capela maior represéntanse as virtudes cardinais. A fachada principal, construída en 1867, é neoclásica. Está formada por un corpo central, cunha fornela central que acolle a imaxe da Virxe, e remata nunha torre de dous corpos, un rectangular e outro octogonal, que culmina nunha lanterna. Ás súas beiras ábrense dous nichos formados por columnas dóricas, apoiadas nun podio, que sosteñen un entablamento liso; sobre os nichos sitúanse os cubos para as torres. No 1900 rematouse o adro. Ademais da romaría de xuño, acódese á romaría do Corpiño o 25 de marzo.

Palabras veciñas

corpiño | Corpiño | Corpiño de Chorente | Corpiño, Nosa Señora do | corpo | corpo | Corpo di