Corral de Villalpando
Corral de Villalpando
Familia de arquitectos e escultores do s XVI naturais de Villalpando (Zamora), formada polos irmáns Jerónimo, decorador, e Juan, arquitecto. Coñecedores das técnicas de traballo do xeso, empregaban moldes que reproducían os diferentes motivos decorativos que despois modelaban sobre o xeso aínda húmido. Entre as súas obras destacan: a capela dos Benavente na igrexa de Santa María (1544-1556) e as tribunas da igrexa de San Francisco (1536), ambas as dúas en Medina de Rioseco; a capela maior e a nave do hospital de Tordesillas; a capela de San Pedro na catedral de Palencia e a Casa Blanca de Medina del Campo (1556-1563).