Corral Martínez, Antón
Mestre artesán de instrumentos populares galegos e gaiteiro. Na infancia trasladouse a Lugo, realizou os estudios primarios en Rábade e de novo volveu á cidade de Lugo. Na súa mocidade, nun primeiro momento, compaxinou o seu traballo de axente comercial coa súa afección musical. Realizou as primeiras incursións no mundo da música tocando cos grupos Os Modernos e Os Montes, entre outras agrupacións, para, posteriormente, dedicarse por completo e de forma autodidacta á construción de instrumentos. Na década dos 70 ingresou no Obradorio de Instrumentos da Deputación de Lugo, substituíndo a Paulino Pérez; a continuación, fundou en Ortigueira e exerceu a docencia no Obradoiro Escola de Santa Marta de Ortigueira. Paralelamente, organizou exposicións de instrumentos populares dentro do marco do Festival do Mundo Celta de Ortigueira e creou o Grupo Didáctico de gaitas, zanfonas, pitos e requintas, primeira agrupación na que tocaron todos estes instrumentos xuntos. De novo en Lugo, formou a Cooperativa de Artesáns Soutelo de Montes, xunto con algúns dos seus antigos alumnos, e un segundo Grupo Didáctico co que ía polos colexios e asociacións divulgando o coñecemento dos instrumentos populares. A raíz dunha exposición celebrada co gallo do Mundial de Fútbol de 1982, o concello de Vigo interesouse polo seu labor, interese que frutificou no seu traslado, en 1983, á Universidade Popular de Vigo onde exerceu a docencia ata a súa xubilación no ano 2001. Nesta cidade, fundou a banda de gaitas Xarabal, pioneira nos novos conceptos da música tradicional aplicada ás bandas de gaitas. Foi, ademais, o encargado da organización dos actos paralelos (exposicións, feiras de artesanía, etc) durante o Festival Celta de Vigo. Na súa discografía destacan os seus traballos Instrumentos musicais populares galegos (1991), que contén 3 discos, un libro e 20 diapositivas, en colaboración con Carlos Corral, Ramón Casal, Anxo Pintos, Tiano Labraña, Carlos Núñez, Santiago Cribeiro e LucioVarela; e Banda de Gaitas Xarabal. Foi galardoado co Premio Reconquista, no apartado de cultura polo seu labor no Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos (IMPG), Premio Vigués Distinguido (2000) e Premio da Crítica Galicia (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña