Correa Corredoira, Antonio Xabier
Pintor, gravador e escultor. Discípulo de Mariano García Patiño, as súas primeiras composicións figurativas incluían temas dionisíacos e eróticos. Bolseiro nun curso de cerámica do Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos (1975), a partir do 1978 pertenceu ao grupo A Carón e, posteriormente, foi un dos fundadores do colectivo de comunicación obxectual A Galga, co que realizou algunhas exposicións. Como integrante do movemento Atlántica, participou en todas as súas mostras (1980-1983) e neste período realizou unha obra espacialista baixo a influencia do expresionismo abstracto e da arte pobre. Cunha bolsa do ministerio de Cultura (1979) viaxou a México, onde comezou a traballar coa técnica da augaforte e incorporou a temática precolombina nunha liña expresionista. Entre 1984 e 1986 formou o Gruporzán, co que editou a súa obra gráfica. Durante os anos noventa a súa obra evolucionou dende a figuración á paisaxe. A partir de 1998 elaborou mariñas afastadas do naturalismo, entre as que destacan Ollo da mariña (1998), Mariña Gaivoteira (1998) e Tondo da lúa (1998). Traballou o gravado en madeira, o linóleo, a augaforte e a serigrafía. Nalgunhas ocasións traspasou ao gravado obras pitóricas, como El contrato del dibujante (1985) e Lonja coruñesa (1989). Entre os seus cartafoles de gravado sobresae Omaggio. Michelangeus Bonarotus (1986), Ara Solis en Fisterra (1990) e Bestas (1995). Realizou a Rosa dos Ventos para o Parque Escultórico da torre de Hércules. Entre as súas exposicións individuais destacan Fuegoairetierraagua (A Coruña e Santiago de Compostela, 1979), Do taller (Santiago de Compostela, 1989), Na beira do mar (A Coruña, 1990), Da virxe paisaxe (Vigo, 1996), Cuerpo y Espacio (Sevilla, 1997), Co escultor Manolo Paz (A Coruña, 1999) e Os días gravados (A Coruña, 1999). Participou en mostras colectivas, entre as que destacan ARCO (1987, 1988, 1991, 1992 e 1993), Bienal de Pontevedra (1983, 1985, 1987 e 1988), no XI Forum des Arts de Lorient (1986), Estampa 94 (1994), Arco Atlántico (1995), A Galicia exterior (1997) e De Creus a Fisterra (1998). A súa obra está presente en museos e coleccións galegas e españolas, como o Museo Municipal Quiñones de Léon de Vigo, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Taller de Gráfica Popular de México.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña