Corredoira e Ruíz de Baro, María do Carme
Pintora. Coñecida como María Corredoyra, iniciou a súa formación na Coruña con Félix Castro e Enrique Saborit. Participou en concursos e exposicións colectivas como a Exposición Rexional Galega de Santiago de Compostela (1909), na que recibiu a Medalla de Ouro polo conxunto da obra presentada, entre a que destaca A neta; nunha exposición en México (1910), en Bos Aires (1911) e na Exposición de Arte Galega celebrada no Centro Galego de Madrid (1912). En 1914 trasladouse a Madrid para ampliar a súa formación con Eduardo Chicharro (1914-1915) e con José María López Mezquita (1915-1916), ao tempo que recibiu clases teóricas de Joaquim Sorolla. Regresou a Galicia en 1916 e, ao ano seguinte, participou na Segunda Exposición de Arte Galega celebrada na Coruña con cadros figurativos entre os que destaca A galega dos cacharros. En 1922 realizou o seu primeiro cadro de interiores, Interior da igrexa das Capuchinas, presentado á Exposición de Arte Galega de Ferrol. Durante os anos vinte participou en diferentes mostras colectivas organizadas en Galicia, Madrid, Barcelona, Bos Aires e Montevideo, e en 1925 realizou a súa primeira mostra individual na Coruña. Cultivou tamén o retrato (Eu, Figura de muller, 1923-1924), os bodegóns e a paisaxe rural e urbana (Praza de Amboaxe de Ferrol) e figuras en madeira, como o grupo De foliada, que presentou ao VII Salón de Humoristas (1922). Dende os anos trinta, ademais de colaborar na revista Realidades, especializouse na temática de interiores, principalmente relixiosos e conventuais, con obras que amosan un debuxo firme, unha rica paleta na que predominan os grises e os ocres, e unha luz clara: Interior de claustro e neno (1929), A cela, Interior de igrexa e Recanto de sancristía (1931-1933). Trala Guerra Civil, a súa actividade artística diminuíu e dedicouse á docencia na Escola de Artes e Oficios da Coruña, da que era profesora dende 1936, e no seu estudo particular; foron os anos nos que asinaba como Mª del Carmen Corredoyra. A súa derradeira participación nunha exposición tivo lugar na Coruña en 1966. Foi nomeada socia de mérito da Asociación de Pintores y Escultores de Madrid (1924), membro do Seminario de Estudos Galegos (1928), membro directivo da Asociación de Artistas da Coruña (1936) e membro da Real Academia Provincial de Bellas Artes (1938). A súa obra está representada en numerosos museos, especialmente no Museo Provincial de Lugo e no Museo Municipal Quiñones de León (Vigo).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso