Correo de Galicia, El
Semanario bilingüe que saíu á luz en Bos Aires o 22 de marzo de 1908 co subtítulo de “Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Es el periódico regional de mayor circulación en Sudamérica. Es el periódico español de mayor circulación en la Argentina y Uruguay”. Fundado por Fortunato Cruces, foi dirixido por José R. Lence desde os seus inicios ata que cesou en 1945. Entre os seus colaboradores figuran Manuel Casas, Basilio Álvarez, Xavier Bóveda, Ramón Mª del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Eduardo Blanco Amor, Roberto Blanco Torres e Ramón Cabanillas. Recolleu, durante a ditadura de Primo de Rivera, artigos de contido político nos que se expoñían posturas galeguistas e republicanas; ademais, inseriu novas sobre as actividades das institucións de emigrantes. En 1945 pasou a denominarse Nuevo Correo e, máis adiante, converteuse no Faro de España.