Correo de Galicia, El

Correo de Galicia, El

Publicación que apareceu en Bos Aires o 3 de outubro de 1965, dirixida por Perfecto López Romero e pertencente a Ediciones Nós. Baixo o subtítulo de “El periódico para los 600.000 gallegos del Río de la Plata”, no seu primeiro número informaba sobre a lei do monumento a Castelao. Comezou a súa andaina como quincenario ata que pasou a ser mensual. Entre os colaboradores figuran Xerardo Álvarez Gallego, Víctor Luis Molinari, Isaac Díaz Pardo, R. Otero Pedrayo, Rodolfo Prada, Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares e Darío Xohán Cabana. Á parte da información xeral sobre a situación política española e galega, contaba cunha sección, presente en todos os números, titulada “Ao servizo da patria dos galegos”, na que aparecen artigos e composicións literarias en galego. Destaca a estética da súa portada.