Correo Literario

Correo Literario

Publicación quincenal que apareceu en Bos Aires entre o 15 de novembro de 1943 e novembro de 1945, do que saíron corenta números. Esta revista, editada por exiliados galegos, estaba pensada para o público daquelas terras. Foi dirixida por Lorenzo Varela, Luís Seoane e Arturo Cuadrado. Figuran como colaboradores, ademais de Enrique e Rafael Dieste, Otero Espasandín, Pedro Larralde e Alberto Guirri, á parte doutros que firmaban con pseudónimos. O contido era claramente cultural e incluía información sobre literatura, arte, cine, teatro e pensamento; nalgúns artigos aparece a crítica política en defensa da democracia e da liberdade. Inseriu recensións sobre a obra Adolescencia, de Otero Pedrayo, Proceso a Jacobusland, de Emilio Pita, e Sempre en Galiza, de Castelao. Algúns escritores latinoamericanos como Francisco Ayala, Ernesto Sábato, Vicente Huidobro ou Julio Cortázar tamén publicaron algúns exemplos de literatura epistolar.