Corriere della sera
Diario italiano fundado en 1876 en Milán por Eugenio Torelli-Viollier, vinculado ideoloxicamente á dereita liberal impulsada polo conde de Cavour. Líder da prensa en Italia e pertencente ao grupo de comunicación Rizzoli-Corriere della Sera (RCS), chegou a un acordo de cooperación co grupo español Recoletos por valor de 63 millóns de euros. Foi dirixido por Luigi Albertini, quen revolucionou o xornal ata convertelo no máis importante de Italia. En 1925, por mor das desavinzas co goberno fascista, substituíno na dirección Ugo Ojetti. No 1898 xa acadaba unha tiraxe de preto dos 100.000 exemplares, que no ano 1994 ascendeu a 660.000. Dende 1899 comezou a publicación do suplemento “La domenica del Corriere”. Entre os anos 1946 e 1959 cambiou a súa cabeceira pola de Nuovo Corriere della sera. Destacou, internacionalmente, polas informacións referidas a escándalos de corrupción do Kremlin. No ano 2001 faleceu un dos seus xornalistas e colaboradores máis salientables, Indro Montanelli, quen mantiña unha columna diaria no periódico.