Corsario, El

Corsario, El

Semanario de tendencia libertaria editado na Coruña. Tivo tres etapas diferenciadas: a primeira (1890-1893), subtitulada “Periódico semanal. Órgano de la Federación Coruñesa”, actuou como voceiro anarco-colectivista da Federación Local Obrera e contou coa colaboración de Xoán Antelo e Antonio Vidal; na segunda etapa (1893-1896), vinculouse ao grupo anarquista Ni Dios ni Amo e dirixírono conxuntamente Xosé Sanjurjo e o tipógrafo Marcial Lores, coa colaboración de Xoán Dopico e Soledad Gustavo e foi o único voceiro anarquista en activo en todo o Estado; e na terceira (1903-1908), continuou como voceiro anarquista e contou coa colaboración de Xoán No. A súa traxectoria estivo marcada polas numerosas suspensións gobernativas que determinaron a súa desaparición e a súa efémera substitución por El Produtor en 1896, como consecuencia da campaña emprendida polos anarquistas herculinos contra a Guerra de Cuba e a prol da súa independencia. Os editores do xornal acometeron unha intensa actividade editorial coa publicación, entre 1893 e 1897, dunha vintena de folletos de autores libertarios na denominada Biblioteca de El Corsario, iniciativa na que contaron coa axuda de dous anarquistas cataláns, Frederic Urales e Josep Prat.