Córsega

Córsega
Nome científico: [ital: Corsica; fr: Corse]

Illa do Mar Mediterráneo que constitúe unha rexión administrativa de Francia (8.680 km2; 259.700 h [estim 1995]). Está dividida nos departamentos da Alta Córsega e Córsega do Sur. A súa capital é Ajaccio.
Xeografía
Está situada no mar de Liguria, entre a Riviera italiana e a illa de Sardeña, da que está separada polo estreito de Bonifacio. É a máis montañosa das illas mediterráneas e o seu relevo pódese dividir en dúas partes: a primeira ao O e SO, que culmina nos montes Cinto e Incudine con 2.706 m e 2.134 m de altitude, respectivamente; a parte oriental posúe un relevo máis suave. O clima das terrras baixas é tipicamente mediterráneo e nas zonas máis montañosas varía segundo a altitude. Posúe unha complexa rede fluvial de réxime mediterráneo e a vexetación está adaptada á variedade climática e ambiental. Así, no litoral localízase un mato de tipo austromediterráneo, a maior parte das terras baixas están dominadas pola presenza de aciñeiras, nas montañas hai fragas caducifolias, e por riba dos 2.000 m hai vexetación de afinidade alpina. A poboación viuse afectada a principios do s XX pola emigración cara a Francia, que mesmo chegou a superar o crecemento vexetativo; non foi ata os preludios da Segunda Guerra Mundial cando este proceso reverteu. Os núcleos principais son os portos de Ajaccio (58.315 h[1990]) e Bastia (37.845 h [1990]). Desenvólvese unha pequena agricultura e industria manufactureira. Os principais cultivos son as oliveiras e os cítricos. É importante a cría de gando cabrún e ovino, base dunha considerable produción láctea, principalmente en relación á fabricación de queixos. A economía compleméntase coa pesca e a elaboración de viños, así como coas pequenas canteiras de granito. É salientable o turismo procedente da Francia continental.
Historia
Os primeiros poboamentos documéntanse polos restos de cultura megalítica, datados no III milenio a C. No s VI a C iniciáronse as colonizacións de gregos e de fenicios-cartaxineses. Os romanos, que a denominaron Corsica, ocupárona no 259 a C, no transcurso da Primeira Guerra Púnica. Os vándalos conquistárona no 456 e foi dominada sucesivamente por bizantinos, lombardos, francos, o papado, os sarracenos, de novo o papado, pisanos e, finalmente, os xenoveses; estes, a principios do s XIV, conseguiron a supremacía sobre a illa. En 1420 apoderouse dela Afonso V de Aragón ata que no 1435 os dereitos sobre a illa volveron ao poder de Xénova. As revoltas independentistas do s XVIII, lideradas por Pasquale Paoli, deron lugar á petición de axuda do goberno xenovés e á conseguinte penetración de ingleses e franceses. No 1768, os xenoveses foron expulsados e a illa cedéuselle a Francia polo Tratado de Versailles. No s XIX sufriu unha forte depresión económica, feito que provocou unha grande emigración. Os últimos episodios de ocupación estranxeira aconteceron durante a Segunda Guerra Mundial, época na que foi ocupada por italianos e alemáns. Nos anos sesenta e setenta multiplicáronse as manifestacións a prol da autonomía e mesmo da independencia do Estado francés, incluído a creación dun grupo armado, o Front de Libération Nationale de la Corse (FLNC). Finalmente, esta presión levou á concesión dun novo estatuto para a illa no 1982, que a dotaba dunha asemblea rexional elixida por sufraxio. En xullo do ano 2000, a Asemblea de Córsega aprobou o texto elaborado ao termo das negociacións mantidas co goberno para lograr un novo estatuto da illa, que prevía a creación dunha colectividade territorial dotada de amplas competencias e a posibilidade de adaptar a realidade corsa aos textos regulamentarios e ás disposicións lexislativas adoptados a escala nacional. Este poder de adaptación estaría baixo o control do Parlamento nacional, exercido de forma experimental ata o 2004. Ademais de disposicións fiscais particulares, o texto recoñece a xeneralización do ensino en lingua corsa. A lingua oficial é o francés, pero o uso do corso é xeral entre os seus habitantes.