2 corso -sa
(
-
adx
Relativo ou pertencente a Córsega ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Córsega.
-
s
m
[LING]
Conxunto de variedades lingüísticas autóctonas de Córsega, pertencentes ao grupo italorrománico.
Aproximación histórica e situación actual
A clasificación do corso no conxunto neolatino comportou problemas desde os inicios da filoloxía románica, en boa medida pola súa división interna en dúas grandes áreas dialectais: a setentrional, máis influenciada polo toscano, e a meridional, máis afín ao sardo. Así, mentres que uns o adscriben inequivocamente ao toscano e ao italiano central, outros entenden que ocuparía, xunto cos dialectos sardos setentrionais, unha posición intermedia entre o italiano e o sardo. Modernamente, algúns autores, como J. B. Marcellesi e M. Giacomo-Marcellesi, considérano unha lingua independente, e de xeito independente tamén aparece tratada no Lexikon der Romanistischen Linguistik (vol IV, 1988). Esta consideración responde fundamentalmente aos conceptos de diasistema e lingua polinómica, tal e como a define J. B. Marcellesi; trátase, pois, dunha identidade principalmente sociolingüística, froito dunha paulatina autonomía do corso en relación cos dialectos italianos. A orixinalidade lingüística de Córsega no conxunto itálico reside nun parentesco coas falas da Italia meridional, Sicilia e Sardeña, debido a unhas condicións similares de romanización e a un substrato mediterráneo común, así como unha toscanidade arcaica que dá testemuño dunha época na que Toscana era lingüisticamente máis meridional ca na actualidade. A toscanización da illa proseguiu do s XIII ao XVIII, despois de que a dominación de Pisa fose substituída pola de Xénova. A influencia do francés foi lenta a partir da anexión de 1769 e supuxo a instalación doutros modelos culturais, así como a aparición dunha nova diglosia corso-francesa, máis conflitiva cá corso-toscana. O italiano foi perdendo terreo ao longo do s XIX conforme medraba o poder do francés. O corso é recoñecido como lingua polas institucións francesas e impártese no sistema educativo. A creación de universidades (1968) comportou un incremento dos estudios sobre o corso. Desde 1982 (circular do ministro Savary) puido emprenderse unha estruturación do seu ensino. Nos anos oitenta implantáronse tamén emisoras de radio e televisión locais, que empezaron a emitir programas en corso e sensibilizaron a opinión pública sobre o tema da lingua. Por outro lado, a ratificación da Carta Europea das Linguas Menos Difundidas por parte do goberno francés pode conducir a unha cooficializacion administrativa corso-francesa. A escrita literaria corsa arrinca con Guglielmo Guglielmi (1644-1728). Desde a Idade Media ata ese momento, a presenza da fala insular limitouse a algunhas pegadas nas crónicas, nas actas notariais e nas peticións por escrito do pobo. Non obstante, debeu de existir unha importante produción popular antiga, na súa maior parte perdida. O s XIX está dominado pola figura de Salvador Viale (1787-1861), que en 1817 incluía no canto IV da súa Dionomachia unha serenata chamada Di Scappino, in lingua vernacola, considerado o primeiro texto corso impreso; tamén traballou nos Canti contadineschi in dialetto corso (1835). Paul Mathieu Della Foata (1817-1899) compuxo poesías que proceden do contacto co pobo; algunhas fixéronse populares, pero o conxunto permaneceu manuscrito ata 1973. A François Dominique Falcuci (1835-1902) débeselle a tradución ao corso da parábola do fillo pródigo para a obra de Papanti, I parlari italiani in Certaldo alla festa del V Centenario di Messer Giovanni Boccaccio (1875); tamén é autor dun Vocabolario dei dialetti della Corsica (1914), publicado por P. E. Guarnerio. Posteriormente destacou Santu Casanova (1850-1936), creador de A Tramuntana (1896), tribuna política, satírica e literaria que continuou ata a Primeira Guerra Mundial. O período de entreguerras foi extremadamente produtivo e decisivo para a elaboración moderna do corso e estivo marcado por dúas revistas, A Muvra e L’Annu Corsu, unha autonomista e a outra rexionalista moderada, que mantiveron a súa actividade ata pouco antes da Segunda Guerra Mundial. En 1955 a revista U Montese tentou retomar a actividade das precedentes; apareceu ata 1969 e participou na iniciativa Lexique français-corse. Neste período sobresaíu o poeta Anton Francescu Filippini (1908-1985). Nos anos setenta produciuse un “segundo rexurdimento cultural”, cun movemento denominado riacquistu (‘readquisición’), de importante repercusión social. A revista Rigiru acolleu a maior parte dos textos representativos desta década. Máis recente, a revista A Spannata, fundada en 1982, publicou textos do Sartène. O corso enmarcouse durante moito tempo no proceso de estandarización e codificación da lingua italiana. As primeiras tentativas de escritura do corso, principalmente no s XIX, teñen base italiana. Xa no s XX, e dentro do ambiente de renovación cultural e literaria dos anos setenta, a obra Intrecciate è Cambiarine (1971), de D. Geronimi e P. Marchetti, propuxo un sistema de ortografía e ortoepia que se usa maioritariamente desde aquela. O título recolle dous principios básicos do sistema: as intrecciate (‘entrelazadas’) son os trígrafos chj, ghj, utilizados para notar as oclusivas palatais; e as cambiarine (‘pequenas variantes’) son as consoantes iniciais sometidas á alternancia sandhi entre o termo forte e o débil.
Variedades dialectais
Existe unha marcada división entre o dialecto cismontano, supranu ou pomóntico do norte, estreitamente ligado ao toscano, e o ultramontano, suttanu ou pomóntico do sur, afín ao sardo, división explicable en parte pola existencia dun cordal rochoso central que separa unha zona centro-norte de xistos (antigo Cismonte) dunha zona sur granítica (antigo Pumonte). Con todo, os intercambios entre rexións debidos á transhumancia, a diferenciación favorecida polo tabicado das microrrexións ou pieve, e os movementos de poboación cara á costa e ás cidades favoreceron o entrecruzamento das solucións dialectais e propiciaron clasificacións máis complexas. No extremo norte de Sardeña existe unha variedade próxima á do sur de Córsega, o galurés, como consecuencia dun asentamento migratorio corso que data do s XVIII.
Características lingüísticas
O corso presenta unha gran cohesión sintáctica, pero tamén unha gran diversidade fonética, morfolóxica e léxica.
Fonética e fonoloxía
-Presencia de /u/ átono final fronte ao italiano (ital) /o/ (muru ‘muro’ vs ital muro), fenómeno coñecido tamén en Sardeña, Sicilia e na Península Italiana. O cambio correspondente na zona palatal (-e > -i) só aparece no sur, de maneira que, segundo as rexións, o sistema vocálico átono pode ter tres graos (i, a, u) ou catro (i, e, a, u).
-Paso de o protónico a a (adore ‘olor’, ital odore; arecchja ‘orella’, ital orecchio), que relaciona o corso cos dialectos italianos centromeridionais.
-O sistema vocálico tónico consta no sur de cinco vocais: a < Ā, Ă latinos, i < Ī, Ĭ, u < Ū, Ŭ, o < Ō, Ŏ, e < Ē, Ĕ, sistema idéntico ao sardo, salvo no timbre xeralmente pechado das vocais medias (filu ‘fío’, pilu ‘pelo’, luna ‘lúa’, puzzu ‘pozo’). No norte o sistema está composto de sete vocais, con diferenza de timbre na zona media, pero de xeito inverso ao italiano: /e/ < Ĕ, /o/ < Ŏ, /ɛ/ < Ĭ, Ē, /ɔ/ < Ŭ, Ō. En corso non existe ditongación de Ĕ/Ŏ tónicos, en oposición ao que ocorre noutras linguas románicas, mesmo en italiano (petra ‘pedra’ vs ital pietra; core ‘corazón’ vs ital cuore).
-Nasalización, no norte, das vocais tónicas ante consoante nasal ([’kãne] ‘can’, [‘m~ɔnte] ‘monte’).
-Resultados de -ll-, distintos nas áreas centro-setentrional /l:/ ([ka’wal:u] ‘cabalo’) e meridional /Î:/ ([‘peÎ:i] ‘pel’), e mesmo no interior desta última. No sur, -lj- > /Î:/ ([‘paÎ:a] ‘palla’), mentres que no resto do territorio se produce unha palatalización (/λ/). Esta consoante cacuminal ou retroflexa (escrita dd) característica do sur, compártea tamén coa Italia meridional, Sicilia e Sardeña.
-No sur, ausencia de sonorización das consoantes intervocálicas, con oposición entre longa e breve ([’dit:u] ‘dito’ vs [’ditu] ‘dedo’). No norte existe sonorización ([’didu] vs [’dit:u]), quizais relacionada coa toscanización. A situación cambia cando entra en xogo a fonética sintáctica.
-Lenición das consoantes iniciais despois de vocal átona (u pane [u ‘bane], a tela [a ‘dela], u sale [u ‘zale], u binu, vinu [u ‘winu]), a capra [a ‘gapra]). A tendencia á sonorización e á relaxación articulatoria das consoantes, aínda que máis sensible no norte ca no sur, é un dos fenómenos máis característicos do corso. Trátase dun sandhi inicial e leva consigo diferentes pronunciacións para unha mesma grafía consonántica, segundo o contexto fónico.
-Existencia de consoantes oclusivas palatais /c/, /j/, transcritas chj, ghj (ochju ‘ollo’, ghjornu ‘día’), outro trazo característico das falas corsas que comparten Córsega, Sardeña, a Italia meridional e a Toscana medieval.
-Asimilación no sur ([‘fɔr:u] ‘forno’, [‘kar:i] ‘carne’), como no antigo logudorés. No nordeste, asimilación de l + consoante dental sonora ([‘kal:u] ‘calor’), tamén en Italia central e Sardeña, mentres que l + outra consoante dá lugar a un rotacismo ([‘sartu] ‘salto’) que podería gardar relación co sardo.
-Marcada tendencia á apócope, con repercusións morfolóxicas, por exemplo, na existencia de infinitivos apocopados: mentres que no centro-sur a apócope se realiza en -a para todas as conxugacións, no norte esta terminación está reservada para os verbos procedentes da primeira (cantà vs vende, tene, vene). O mesmo fenómeno dáse na apóstrofe e en construcións locativas.
Morfoloxía
-Formas do artigo determinado sen lateral no corso corrente: masculino u, feminino a,