Cortegada, Illa de

Cortegada, Illa de

Illa da costa nororiental da ría de Arousa, no litoral da parroquia do Carril (concello de Vilagarcía de Arousa). Litoloxicamente, componse de xistos e paragneises do precámbrico-silúrico e granitos hercinianos, pertencentes ao denominado “complexo de Noia”, que se prolonga ao N e ao S en dirección NO-SL. A súa máxima cota son os 25 m de altitude, que se acadan no S da illa. A distancia coa liña de costa é de 175 m; neste espazo aséntanse varios parques para o cultivo da ameixa. Entre as peculiaridades naturais máis interesantes, cómpre mencionar a presenza do bosque de loureiros máis meridional do continente europeo, circunstancia que xustifica a demanda de elaboración e aplicación dunha normativa e de medidas especifícas para a súa conservación. En agosto de 1907, a corporación municipal do Carril fixo doazón da illa ao Rei Afonso XIII para que construíse nela unha residencia real.