cortés

cortés

(< 2corte)

  1. adx

    Que mostra unha educación conforme coas regras do trato social.

    Ex: A concelleira é unha persoa moi cortés no seu trato con todos os cidadáns.

    Antónimos: descortés. Confrontacións: afable, galante.
  2. literatura cortés [LIT]
    1. Conxunto de manifestacións literarias datadas entre os ss XII e XIV no Occidente medieval europeo. A súa cronoloxía abrangue, de xeito aproximado, a denominada Segunda Idade Feudal, e as súas primeiras manifestacións están ligadas ao Renacemento do s XII. O adxectivo cortés indica que este tipo de literatura se vinculaba coas diversas cortes -señoriais ou mesmo reais- que conformaban os centros de poder político na Idade Media e que, ao mesmo tempo, se erixían en focos de irradiación cultural. O mecenado que nelas exercían os grandes señores feudais, así como os intercambios de persoas e ideas entre unhas cortes e outras, favoreceron un clima de grande efervescencia cultural que atopou a súa correlación no esplendor acadado nas máis diversas manifestacións artísticas. Inversamente, estes froitos culturais servíanlle de exhibición de poder á clase nobiliaria, depositaria dos valores da cabalería feudal, que vía cómo o seu posto preeminente na escala social se socavaba polo xurdimento das cidades e da burguesía e polo reforzamento da monarquía. Baixo este punto de vista, a literatura cortés favoreceu unha interpretación conservadora e de escape dun mundo en transo de desaparición, por medio da exaltación retrospectiva de valores xa superados e de realidades periclitadas. Enténdese, daquela, a operatividade de que gozaba nela o topos da laudatio tempus acti, discurso de nostalxia e decadencia que se empregaba por igual para contrapoñer a virtude dos amantes de noutrora á relaxación de costumes contemporánea ou o valor dos cabaleiros de antano -por exemplo, os da corte do Rei Artur- á covardía e á molicie dos nobres coetáneos. A renovación intelectual que impulsou o xurdimento da literatura cortés reflectiuse en moi diversos ámbitos do pensamento e, xa que logo, da literatura. Así, por exemplo, a partir do século XII produciuse unha eclosión do xénero historiográfico, en parte debido á nova percepción do tempo por parte dos homes medievais, que propiciaba as visións comprensivas sobre o pasado dos diferentes pobos. Igualmente, a efervescencia da espiritualidade, favorecida pola recuperación da filosofía aristotélica, desembocou na elaboración do pensamento escolástico. Non menos importante resultaría a redefinición do concepto de marabilla, paralelo ao achegamento a culturas periféricas dende un punto de vista eurocéntrico -como a celta, a escandinava ou a árabe-, ao redescubrimento de aspectos da civilización clásica ata daquela esquecidos ou á reorganización doutrinal por parte de Igrexa cristiá logo da crise do monaquismo, da aparición de iniciativas relixiosas heterodoxas -eremitismo, mendicantes, beguinas- e da conversión dos últimos pobos pagáns da Europa occidental. A todos estes factores hai que lles engadir o emprego, cada vez máis xeneralizado, das linguas vernáculas como vehículo de expresión artística, en detrimento do latín. No plano estritamente literario merece salientarse o nacemento, na primeira metade do s XII, dun novo xénero narrativo, o roman, un dos antecedentes da novela moderna. Dende o punto de vista formal, os primeiros roman adoptan os pareados octosílabos; sen embargo, arredor do ano 1200 comezou a cultivarse a prosa, que permitía unha maior riqueza expresiva, idónea para a composición dos grandes ciclos narrativos característicos do s XIII -que, á súa vez, se emparentaban coa visión enciclopédica da realidade e a elaboración de grandes summas do saber- e que estaba prestixiada pola verosimilitude que lle outorgaba o seu uso en escritos doutrinais e historiográficos. Dende o punto de vista temático, os primeiros roman pertencen á denominada materia clásica, pero non tardaron en compartir o favor do público coa materia de Bretaña. Precisamente unha obra deste ciclo, o Merlin, atribuído a Robert de Boron, é o primeiro roman en prosa que se conserva. En xeral, tanto os roman da materia clásica coma os da materia bretona recollen os valores preconizados pola clase cabaleiresca. Deste modo, os personaxes extraídos da Antigüidade clásica están adaptados á realidade feudal do s XII, do mesmo xeito que as institucións e os numerosos combates que adornan eses relatos. Tamén os roman artúricos adaptan o seu universo ficional ás realidades inmediatas do feudalismo, ao tempo que crean a figura do cabaleiro errante, estilización do nobre segundoxénito que, sen posibilidades de herdar as terras paternas, tiña que abrirse camiño na guerra e nos torneos. Tan salientable como a eclosión do roman, foi o xurdimento da lírica romance a comezos do s XII. O seu desenvolvemento asóciase coa doutrina da fin’ amors ou amor cortés, que pretendía codificar o rito amoroso a través dun ríxido ritual de cortexo. O pretendente contemplaba a súa dona como un ser superior ao que lle rendía o seu servizo amoroso, que, inversamente, lle servía como proceso de perfeccionamento espiritual. A concepción do amor como sentimento alleo ao matrimonio e a adopción de elementos tomados das institución feudais, especialmente os emanados das relacións vasaláticas, son aspectos fundamentais na elaboración do código da fin’ amors. A lírica occitana, da man do seu primeiro trobador coñecido, Guilhem de Peitieu, foi a primeira canle de expresión desta nova sentimentalidade. O esplendor da poesía trobadoresca occitana prolongouse durante todo o s XII e iniciou o seu esmorecemento no século seguinte, en parte polo esgotamento dos modelos poéticos que lle deran orixe, pero tamén polo cambio nas condicións sociais que tiveron lugar na Provenza deses anos. Ao respecto, resultaría decisiva a decadencia das cortes señoriais trala cruzada albixense, que combateu a herexía cátara e permitiu o reforzamento do poder da monarquía francesa sobre as terras do Midi. Tralo maxisterio da poesía occitana xurdiron por todo o Occidente novas escolas poéticas que renovaron as doutrinas derivadas da fin’ amors: a escola siciliana e o dolce stil novo en Italia, os trouvères no norte de Francia, os minnesängers alemáns ou os trobadores galego-portugueses na Península Ibérica. Os valores preconizados pola literatura cortés prolongáronse, aínda que anquilosados, ata os derradeiros anos da Idade Media e, incluso, máis aló do ano 1500. Deste xeito, o código do amor cortés adoptouno a denominada fición sentimental, xénero narrativo en prosa cultivado ao longo do s XV no que se mostraba a paixón esaxerada e sempre sufrinte de amantes desgraciados. Igualmente, as fazañas dos cabaleiros errantes darían orixe á novela de cabalerías, que coñeceu o seu último momento de esplendor na primeira metade do s XVI. Ambos os dous exemplos serven para mostrar o desfasamento entre unhas estruturas históricas e uns modelos poéticos creados catro séculos antes en condicións sociohistóricas diferentes.

    2. Modalidade da novela curta cultivada no século XVII en España, que evolucionou a partir da tradición de novellas italianas inaugurada por Boccacio co Ninfale d’Ameto (1341) e co Decameron (1349-1351), e que tivo como antecedentes o Heptamerón (1546), de Margarita de Navarra e La Diana (1559), de Jorge de Montemayor. Trátase dunha estrutura narrativa formada a partir da suma dunha serie de relatos que teñen como fío condutor ou como marco integrador o feito de ser contados no curso dunha viaxe ou dunha charla. Este tipo de obras proliferaron no contexto das conversas e reunións cortesás dos séculos XVI e XVII como literatura de entretemento e diversión. Entre os títulos máis representativos cómpre citar La casa del placer honesto (1620), de Alonso Jerónimo de Salas Barbadillo; Tardes entretenidas (1625) e Jornadas alegres (1626), de Alonso de Castillo Solórzano; Deleitar aprovechando (1635), de Tirso de Molina; e Novelas amorosas y ejemplares (1637), de María de Zayas.

Palabras veciñas

cortello | Cortelos | cortes | cortés | Cortes | Cortes | Cortes