Cortés, Hernán

Cortés, Hernán

Conquistador. Estudiou gramática, latín e leis en Salamanca. Intentou embarcarse na expedición de Ovando ás Indias (1501), pero non viaxou a La Española ata 1504. Foi escribán da vila de Azúa e en 1511 embarcouse na expedición de Diego Velázquez a Cuba, onde exerceu como alcalde de Baracoa. Acusado de conspirar contra o gobernador Velázquez, foi encarcerado durante un breve espazo de tempo. En 1518, Velázquez encargoulle unha expedición ás rexións continentais de Yucatán e México, nas que só debería explorar e recoñecer novas terras, pero non fundar asentamentos. Cortés preparou unha grande expedición e, xa enemistado co gobernador, partiu antes da data prevista con 11 naves e máis de 500 soldados. Chegou ata a illa de Cozumel, onde atopou o naúfrago Jerónimo de Aguilar, que se converteu no seu intérprete, e percorreu a costa de Yucatán ata o río Tabasco ou Grijalva. Venceu os indíxenas en Centla e en 1519 fundou a cidade de Veracruz. Rompeu a súa relación co gobernador de Cuba ao crear un cabido que o elixiu capitán xeneral e xustiza maior, nomeamentos dos que informou a Carlos I. Internouse cara ao continente despois de facer afundir as súas naves para evitar desercións e a comunicación con Cuba. O 30 de outubro de 1519 entrou pacificamente en Tenochtitlán, capital do Imperio Azteca, e o seu soberano Moctezuma II aceptou, aparentemente, a autoridade de Carlos I, pero negouse a cambiar de relixión. Posteriormente, unha expedición enviada por Velázquez, que pretendía a destitución de Cortés, desembarcou en México. Cortés deixou a Pedro de Alvarado á fronte de Tenochtitlán e enfrontouse coas tropas de Pánfilo de Narváez, derrotándoas en Zempoala en maio de 1520. Mentres tanto, desencadeouse un enfrontamento entre os aztecas e os casteláns. Tralo regreso de Cortés produciuse a morte de Moctezuma e a fuxida dos casteláns na noite do 30 de xuño de 1520, grave enfrontamento que se coñecería como La Noche Triste. As loitas continuaron e despois de acadar a vitoria en Otumba, Cortés puido organizar a conquista do territorio perdido e sitiou a capital ata destruíla case totalmente (1521). Despois someteu os territorios de Michoacán, Oaxaca e Panuco, e reconstruíu Tenochtitlán. En 1522, Carlos I nomeouno gobernador e capitán xeneral de Nueva España ou México. Non obstante , os seus poderes quedaban limitados polos funcionarios enviados pola coroa. Acusado de diversos asasinatos, entre eles o da súa muller Catalina Juárez, e enfrontado aos funcionarios reais, regresou a España en 1528. Entrevistouse con Carlos I, perdeu o goberno de México, aínda que conservou o título de capitán xeneral e concedéuselle o título de marqués do Valle de Oaxaca. Viviu en México entre 1530 e 1540 e participou en expedicións ao mar do Sur (Océano Pacífico). Regresou novamente a España e participou na expedición de Alxer (1541).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Medellín, Badajoz

  • Deceso

    Lugar : Castilleja de la Cuesta, Sevilla